Nota de prensa
MADRID CEDE A GALICIA A REPRESENTACIÓN DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS EN MATERIA DE PESCA NO CONSELLO EUROPEO
-A comunidade madrileña dá o visto bo á proposta da Xunta para ostentar a representación das comunidades españolas en materia pesqueira para abordar todos os asuntos relacionados co mar en Europa, como a Política Pesqueira Común
-A presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, subliña que, pola súa parte, cede “de bo grao” esta competencia ao Goberno de Galicia ao considerar que é a comunidade autónoma galega “quen mellor pode representar a España” en materia pesqueira
-Para poder ostentar esta representación é preciso que o consello Consultivo de Pesca acepte esta cesión
Madrid, 12 de xullo de 2011.- O Goberno da Comunidade de Madrid permitirá á Xunta de Galicia que represente ao resto das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira no Consello Europeo de Agricultura e Pesca. Así o acordaron hoxe os presidentes das dúas comunidades, Esperanza Aguirre e Alberto Núñez Feijóo, na xuntanza mantida na capital de España.
Este Consello Europeo convoca unha vez ao mes aos Ministros responsables da agricultura e o desenvolvemento rural, a pesca e os asuntos marítimos, e a alimentación dos Estados membros, atopándose dende o pasado 1 de xullo a representación de España no goberno rexional de Madrid.
Tras a xuntanza mantida hoxe, Galicia queda a expensas da decisión do Consello Consultivo de Pesca que se celebra mañá en Madrid e ao que asiste a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Cabe destacar que dende a Xunta xa se lle pediu hoxe por carta ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño que este punto sexa tratado no Consultivo de mañá para poder acelerar canto antes esta cesión de competencias. De ser aceptada, Madrid mantería a representación das comunidades españolas en Europa nos temas relacionados coa agricultura, namentres que Galicia ostentaría os da pesca.
A presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, subliñou que, pola súa parte, cede “de bo grao” esta competencia á Xunta de Galicia ao considerar que é a comunidade autónoma galega “quen mellor pode representar a España” ante a Unión Europea nesta materia.
Cabe lembrar que Galicia fixera xa esta mesma solicitude ao goberno de Extremadura no último semestre do ano pasado sen obter unha resposta afirmativa á cesión.