A DEPUTACIÓN INSTARÁ Á XUNTA POR INICIATIVA DO BNG
A RECOÑECER OFICIALMENTE O CAMIÑO DE INVERNO E O CAMIÑO DO MAR
Mario Outeiro, portavoz do BNG na Deputación de Lugo, afirmou que “é obriga da Xunta de Galiza que proceda ao recoñecemento destes camiños (de Inverno e do Mar) posto que foi aprobado por unanimidade hai máis dun ano no Parlamento”
A Deputación de Lugo, por proposta do BNG, aprobará no vindeiro pleno esixir á Xunta de Galiza que delimite o trazado e recoñeza oficialmente o Camiño de Inverno e o Camiño do Mar
Lugo, 23 de xullo de 2011. O BNG presentou unha proposta ao pleno da Deputación de Lugo, que se aprobará como acordo de goberno o martes vindeiro que se celebra o pleno, na que se insta á Xunta de Galiza a que realice a delimitación, trazado e recoñecemento legal do Camiño de Inverno e do Camiño do Mar. De feito, e segundo explicou o portavoz do Grupo Provincial do BNG, Mario Outeiro, “o recoñecemento oficial do Camiño do Mar e do Camiño do Inverno é unha iniciativa que se aprobou hai un ano por unanimidade das tres forzas políticas representadas no Parlamento galego (BNG, PSOE e PP) polo que é obriga da Xunta de Galiza executar esta iniciativa, e xa hai máis dun ano diso e non se avanzou en nada”.
Segundo explicou Mario Outeiro, “a actividade turística xoga un papel decisivo na dinamización económica do conxunto do noso País e das diversas comarcas que conforman a unidade administrativa que coñecemos como Provincia de Lugo, até o punto de representar no caso desta última preto do 10% do PIB e estar vinculados a este sector máis de 15.000 empregos desestacionalizados”. O portavoz do BNG na Deputación de Lugo sinalou que a actividade turística “xoga un papel central como factor de equlibrio territorial como demostra o feito de que en termos de PIB e de emprego a dependencia do turismo é maior naqueles territorios de Lugo onde a nosa pirámide demográfica se atopa máis invertida e onde as taxas de actividade no sector primario e secundario é menor”. Para Mario Outeiro “un factor determinante no impulso turístico está vinculado aos diferentes camiños que ao longo e ancho da nosa xeografía serven de lugar de tránsito aos diferentes viaxeiros que teñen como destino a capital de Galiza”, por iso o BNG leva adiante a súa iniciativa, movendo á Deputación de Lugo a que esixa á Xunta de Galiza que cumpra o seu compromiso de cara a estabelecer a oficialidade dos camiños de Inverno e do Mar.
Segundo expón o Grupo Provincial do BNG na súa moción, que se aprobará no vindeiro pleno provincial como acordo de goberno, os camiños de Santiago de Compostela, á marxe da súa importancia histórica e cultural como vía de conexión de Galiza con Europa desde a Alta Idade Media, veñen a ser un acicate central no aumento da taxa de actividade turística, do que pode ser un bo exemplo a expresión que os “Anos Xacobeos” teñen no PIB Galego con aumentos do mesmo no aproximadamente no 1,3%. Aínda así a dia de hoxe existen na xeografía luguesa as dúas rotas antes mencionadas, unha nas terras do Val de Lemos e da Ribeira Sacra e outra nas terras da Mariña, que a pesar de estar acreditadas historicamente carecen de recoñecemento oficial co agravio que iso significa para as xentes desas zonas.
O Camiño de Inverno é unha rota “alternativa” ao Camiño Francés desde Ponferrada até Lalín, cun percorrido de 210 KM, utilizado para evitar no período de inverno as cadeas montañosas das terras do Bierzo. No seu percorrido, o Camiño de Inverno, tamén coñecido como Camiño do Sur, percorre as comarcas de Valdeorras, Quiroga, terra de Lemos e Chantada, até a comarca do Deza, onde se une a Vía da Prata. O Camiño do Mar é unha rota que discorre polas comarcas da Mariña e Ortegal, unindo a rota que pola area cantábrica entra en Lugo por Ribadeo e vira por Barreiros cara o interior, co Camiño Inglés no lugar de Santo André de Teixido. Nun caso e outro estamos falando de rotas perfectamente estudadas no plano histórico, cun rico patrimonio vinculado a tradición xacobea, nomeadamente a súa rede hospitalaria, con abondosa documentación sobre o seu pasado peregrino e tamén cunha importante bibliografía algunha dela elaborada pola propia administración autonómica.
As diversas administracións públicas tanto no plano local, provincial como autonómico, conscientes desta realidade, posicionáronse no sentido de que a Xunta de Galiza procedese ao recoñecemento oficial das mesmas até o punto de que a propia Cámara galega aprobou por unanimidade unha iniciativa na que solicitaba a delimitación, trazado e recoñecemento legal das mesmas. Así as cousas, e cando xa ten transcorrido preto dun ano da aprobación do acordo, a Xunta de Galiza segue sen dar os pasos necesarios para a execución do mesmo polo que o BNG leva á Deputación de Lugo a reclamar do Goberno Galego a responsabilidade e o respecto cos acordos asambleares.