Nota de prensa
A concellería de Deportes impulsa por terceiro ano consecutivo un plan de ocio alternativo baseado nas competicións deportivas nas noites de verán
CERVO PON EN MARCHA O PROGRAMA NOITES ALTERNATIVAS CUNHA AMPLA OFERTA DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS PARA A XUVENTUDE
Fútbol sala 3×3, Baloncesto 3×3, Voleipraia e Fútbol-praia todos os martes, mércores e xoves entre as 22.00 e a 01.30 horas.
A participación é totalmente gratuíta e o desenvolvemento das actividades estará coordinado polo persoal técnico cualificado da empresa que xestiona as Escolas Deportivas Municipais.
Cervo, 12 de xuño de 2010.- Por terceiro ano consecutivo a mocidade cervense terá unha oferta de ocio alternativo mediante o deporte. O Concello de Cervo pon en marcha un ano máis o programa NOITES ALTERNATIVAS que se desenvolverá a partires do vindeiro día 19. Esta iniciativa ofrece un amplo abano de actividades como volei praia, baloncesto 3×3, fútbol praia ou fútbol sala 3×3.
O concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, que deu a coñecer esta tarde o programa desta actividade, sinalou que non se trata unicamente da apertura de locais e instalacións fóra do horario habitual, “senón dun completo programa de actividades variadas, relacionadas co deporte, como proposta alternativa de ocio nesta época estival”
A partir de dez anos, os martes, mércores e xoves
O programa establece que nas distintas actividades poden participar rapaces con idades superiores aos 10 anos e sen idade límite, pois a organización prevé distintos enfrontamentos segundo a categoría dos inscritos.
As NOITES ALTERNATIVAS desenvolveranse nun horario de 22.00 a 01.30 horas os martes, mércores e xoves. As pistas ao aire libre da praza dos Campos de San Ciprián e do parque de Cervo serán as sedes dos partidos de Fútbol sala e Baloncesto na súas modalidades de 3×3, mentres que as competicións deportivas de praia desenvolveranse no areal do Torno, en San Ciprián.
Todas estas actividades son gratuítas polo que non terán que asumir ningún custe os participantes. Ademais o mecanismo de inscrición é moi flexible pois poderá facerse o día anterior do comezo de cada actividade.
O calendario de actividades abrirase en San Ciprián. A primeira das citas será a competición de volei-praia os días 19, 20 e 21 de xullo. Posteriormente (os días 26, 27 e 28 de xullo) terán lugar os partidos de fútbol-praia. Xa en agosto -os días 2, 3 e 4- celebraranse os partidos de fútbol sala 3×3 en San Ciprián e posteriormente tamén nesta vila os de baloncesto 3×3 (9, 10 e 11 de agosto).
As competicións en Cervo comezarán os días 17 e 18 de agosto coas partidos de baloncesto 3×3, mentres que os días 23, 24 e 25 de agosto desenvolverase a competición de fútbol sala 3×3.
Monitores especializados
Da organización destas actividades encargarase a empresa especializada IG-10 SPORTS S.L., actual concesionaria das Escolas Deportivas Municipais, o que garante a presencia de monitores cualificados para organizar e controlar o desenvolvemento das actividades. “As nais e pais dos participantes teñen a garantía de que os seus rapaces están en boas mans, practicando deporte nas noites de verán, e adquirindo polo tanto hábitos moi saudables” indicou o responsable de Deportes cervense.