NOTA DE PRENSA
PRESENTACIÓN DO SEGUNDO VOLUME DA REVISTA BOLANDA.
O próximo venres, día 8, a Asociación Cultural A Pomba do Arco, presentará o segundo volume da revista Bolanda. O acto terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Foz ás 8:30 da tarde.
Este segundo volume da revista Bolanda componse dun poema de Xavier Baixeras, cinco poemas de Caxigueiro e sete artigos que abarcan un amplo campo temático.
Antón Niñe Fernández aborda o tema da escola pública en Foz no seu artigo A escola de Fondós, no que se afonda na historia desta institución educativa.
Xoán Ramón Fernández Pacios presenta un artigo titulado O vínculo familiar da Casa Grande de Marzán, no que se fala desta familia dende 1531 ata 1825.
Xavier Ribera Ponte fala no seu artigo A caza da balea en Nois da importancia que tivo esta actividade económica na parroquia de Nois dende o século XVII.
Dedícanse dous artigos á antiga catedral e actual basílica, o de Francisco Carballo Carballo, San Martiño de Mondoñedo, sé episcopal, séculos VIII-XI e o de Celso Rodríguez Cao e Luís Cordeiro Maañón titulado As sondaxes en San Martiño de Mondoñedo.
Ramón Ermida Meilán e Mónica Pazos Martínez no seu artigo Vida e obra de Manuel Lugilde Penelas, completan o artigo que publicaran no primeiro volume de Bolanda, afondando na vida e na obra deste mestre e no mundo do teatro no concello de Foz nos anos 30 e 40.
Remata este volume o artigo de Ramón Eiras Fernández titulado Historia do baloncesto focense, que como o seu nome indica é un relato da evolución do equipo de Baloncesto focense Os Celtas e a súa versión feminina Celtas-Xebres.
Este segundo volume terá un prezo de venda nas librerías de 18 €, pero toda aquela persoa que asista á presentación e queira mercalo nela pode facelo por un prezo reducido de 12 €, aforrando así un total de 6 €. Os socios desta asociación que o merquen poderán facelo polo prezo de 6 €.
O día da presentación deste segundo volume, no que falarán os autores do artigos, tamén se poñerán á venda os derradeiros exemplares de Bolanda volume I, momento propicio para poder completa-la colección.
Invitamos a tódolos focenses e a tódalas persoas que lles guste a historia a que asistan a esta presentación na que poderán coñecer, da man dos seus autores, de que vai este segundo volume de Bolanda e un pouco máis da historia deste noso concello de Foz.