Dende o Concello de Lourenzá infórmase que o Campamento de Verán que dera comezo o luns, 4 de xullo, chega nesta semana ao seu ecuador. Cun total de 27 nenos/as inscritos, divididos en dous grupos por idades, o cal facilita o desenrolo das actividades programadas; na xornada de hoxe, xoves, os máis pequenos (autodenominados “equipo amarelo”) desfrutaron dunha divertida experiencia culinaria, consistente na elaboración de deliciosas galletiñas de manteiga. Namentras, o grupo dos “maiores” ou “equipo laranxa” (que terá oportunidade de “cociñar” mañá, venres) , desenrolou unha sesión de xogos cooperativos nas dependencias do Pabillón Municipal.
As distintas actividades e obradoiros, que se desenvolverán ata o xoves, 25 de agosto, están a contar cunha excelente acollida por parte dos/as nenos/as. Nas vindeiras semanas está prevista a visita etnográfica ao entorno do Muíño da Pereira (en Santo Tomé); así como outras relacionadas coa conservación do Medio Ambiente, que se levarán a cabo na Aula da Natureza laurentina.