Nota de prensa
DOLO AFRONTARÁ O SEU CUARTO ANO COA ELÁSTICA LARANXA
“As miñas intencións sempre foron quedar en Burela tanto polos logros acadados co equipo e pola boa estrutura do club coma polo trato recibido” manifestou Dolo, que prevé un novo paso evolutivo do cadro laranxa para o vindeiro exercicio: “Dende que o equipo chegou á Primeira División sempre foi en progresión; aí están os resultados tanto da liga coma da Copa de España. Tal e como se perfila o novo vestiario, os reforzos contribuirán con rotacións, proporcionando físico e traballo, e poderemos dar unha volta de rosca para seguir medrando”. Con respecto á liga 2011-12, Dolo destaca especialmente o ascendido UA Alicante: “A escuadra alacantina parece que vai ser a máis sorprendente; o adestrador, Carlos Navarro, está apostando moi forte, compatibilizando a base do ano pasado con xogadoras experimentadas que xa coñecía da súa etapa no Femesala Elche”.
Antonio Rodenas transmitiu a satisfacción do club laranxa pola continuidade de Dolo “non só polo seu peso no equipo durante estas catro tempadas senón tamén polo seu comprometido e coidadoso labor ensinando o alumnado máis novo da ED EON Burela FS”.