Site icon Crónica3.com A Mariña

Servizos Sociais de Burela formará a persoas maiores en prevención de roubos, seguridade e defensa

Nota de prensa

BURELA ACOLLERÁ  O 7 DE XULLO UNHA CHARLA SOBRE PREVENCIÓN E MELLORA NA SEGURIDADE DOS NOSOS MAIORES, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR A DELEGACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS.

Burela, 27 de xuño de 2011. O próximo día 7 de xullo ás 17:00 horas, no Salón de Conferencias (antiga biblioteca) do Concello de Burela terá lugar a celebración da charla/conferencia que leva como título Prevención e mellora na seguridade dos nosos maiores, que versará sobre roubos, furtos e defensa. Ditas charlas forman parte do Plan de Seguridade que puxo en marcha a Secretaría do Estado de Seguridade e está dirixida ás persoas maiores do Concello de Burela. A conferencia será impartida por profesionais da Garda Civil da provincia de Lugo, segundo informa a Delegación Municipal de Servizos Sociais e Sanidade.

Termalismo social

Por outra banda, o departamento que dixire Diana Durán lembra que a Deputación Provincial de Lugo acaba de pór en marcha o Programa de Termalismo Social Saúde e Benestar no Camiño de Santiago, dirixido a aquelas persoas empadroadas nalgún concello da provincia de Lugo, que teñan 50 anos ou máis, cumpridos. No caso de ser acompañante, sempre e cando sexa cónxuxe ou análoga relación, non será preciso que cumpra co requisito da idade.

Durán sinala que “a finalidade deste programa é que as persoas participantes efectúen curas de saúde e a realización de actividades de ocio saudable e envellecemento satisfactorio”. Saúde e Benestar no Camiño de Santiago inclúe 6 días con 5 noites de estancia en pensión completa. O prazo de inscrición está aberto e rematará cando se cubran todas as prazas ofertadas, durante os meses de agosto a decembro do 2011. Os interesados deben acudir ao departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de Burela e presentarse co seu DNI.

Os balnearios participantes no programa son os da provincia de Lugo: Balneario de Lugo Termas Romanas, Balneario Oca Río Pambre, Guitiriz Hotel Balneario&Golf Club e Oca Aguas Santas Balneario Golf Resort.

Exit mobile version