Site icon Crónica3.com A Mariña

Sergio de Burela

SERGIO DE BURELA

Coñecimos a evolución da súa doenza dende que se detectaron os primeiros síntomas, e sabíamos da extrema gravidade actual na UCI, nunha situación diagnosticada como ierreversible. De tódolos xeitos, cando recibimos a nova do seu pasamento, sentimos a friaxe da tristura que produce sempre a perda dun amigo entrañable: tal foi a nosa relación, perante mais de medio século.

Admiramos nél a bonomía, o carácter endexamais anoxado, a vontade de traballo, o entusiasmo co labor profesional. Dinámico, emprendedor, sempre activo e compracente. Autodidacta, de non coñecer a “máquina de retratar”, o termo da època (anos 50), con dedicación e esforzo, chegou a auténtico “mestre” da fotografía e, para nós, a ser o gran profesional da Mariña, de tódolos tempos. Él foi o mellor pregoeiro dos nosos pobos: da sua vida social, económica, industrial, turística, lúdica, paisaxística, mariñeira; dos seus gozos e das súas dores, de xeito especial do pobo de adopción. Se damos por bó que “unha imaxe val por mil palabras” os 120 volumes do Espasa non serían abondo para acoller as “verbas” que sobre a nosa bisbarra levan saído das súas cámaras – fotográficas, de vídeo e TV – espalladas a través dos distintos medios e proxectadas nos mais diversos lugares e ocasións.

O libro “Lugo, unha provincia”, que deixa para a posteridade, é o mellor testemuño da categoría profesional que Sergio alcanzou, e tamén da súa sensibilidade artística, do sentido da estética, da beleza.

Dende hai tempo vimos botando en falta o recoñecemento público a quen, dende a súa profesión, tanto fixo – mais que ninguén – pola difusión da Mariña, a gran descoñecida, e dos seus valores humanos, naturais e económicos. E somos testemuña de excepción de que, en moitas ocasións, tanta dedicación e esforzo, non tiveron siquera a compensación económica mínima que correspondería a un profesional coma él, que foi na vangarda da tecnoloxía, e na oferta de productos novidosos: as súas fotos xigantes, pioneiras, penduraron en boa parte dos locais públicos con escenas, sobre todo, do mar de Burela ou das “rapa das bestas”… A flota pesqueira foi obxeto de reportaxes na TV, para o que, reporteiro intrépido, á búsqueda das imaxes, mais auténticas e solprendentes, embarcouse en mais dunha ocasón; él que nacera pola serra de Barreiros, repetidamente pagou o tributo de sucesivos mareos… o príncipe azul; as celebracións do Carme e, en fin, canta actividade económica, e de todo tipo, que se desenvolveo ó longo dos tempos en Burela: mesmo as traxedias do seu mar…

Istas notas sinxelas, escritas a voapluma, baixo o efecto da dorida emoción, sirvan, por hoxe, de homenaxe mínima a quen foi para este cronista un prestixioso e admirado artista e, sobre todo, un amigo inesquecible, Sergio de Burela, de quen nos queda a doce lembranza de tantas horas, ilusións e iniciativas compartidas…

Suso Fernández

Exit mobile version