Nota de prensa:
RIBADEO ACOLLERÁ UN CURSO DE IMPROVISACIÓN, JAZZ E MÚSICA MODERNA DO 24 AO 26 DE XUÑO.
Ribadeo, 8 de xuño de 2011. A Delegación de Cultura do Concello, a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Cultural Musiqueando e máis a Asociación Amadores da Música organizan o primeiro curso de improvisación, jazz e música moderna que se celebrará na vila ribadense os vindeiros días 24, 25 e 26 de xuño.
O profesor de vento-metal da EMMeD de Ribadeo, Rubén Solloso, foi a persoa que propuxo a celebración deste curso no que participarán o pianista Sergio Delgado, o batería Antonio Manuel Torres e máis o saxofonista José García. Os tres contan con ampla experiencia no mundo do jazz e máis da improvisación como integrantes de big-bands ou de formacións de música moderna.
A actividade terá lugar nas instalación da EMMeD de Ribadeo, na Casa do Mar (Rúa Clemente Martínez Pasarón de Ribadeo) e ten un custe de 60 euros para as alumnas e alumnos da EMMeD de Ribadeo e de 70 euros para o resto. A inscrición pode formularse ata o 17 de xuño na propia EMMeD de Ribadeo ou por correo ordinario. Toda a información está dispoñible no teléfono 677.73.40.84 ou ben no enderezo electrónico rubn_solloso@yahoo.es
Así mesmo, un grupo de alumnas e alumnos da EMMeD de Ribadeo desprazaranse este sábado a Lugo para devolver a visita que o Centro Profesional de Música Fingoi realizou este venres a Ribadeo. As alumnas e alumnos ribadenses participarán nun ensaio e posterior concerto cos nenos e nenas dunha agrupación do centro lucense.