Nota de prensa:
DO 3 AO 7 DE XULLO TERÁ LUGAR EN BURELA O II CURSO DE MÚSICA INTERDISCIPLINAR QUE ORGANIZA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA.
Burela, 23 de xuño de 2011. Do 3 ao 7 de xullo terá lugar en Burela o II Curso de Música Interdisciplinar que organiza a Escola Municipal de Música. No acto de presentación participaron o alcalde, José Mª González Barcia, a concelleira de Cultura, Mónica Pérez, e o director da Escola, Xan Carballal.
Carballal dixo que “contaremos coa colaboración dos profesores da Escola de Música e con tres profesores convidados: Tamara Gaveiras, profesora superior de piano que na actualidade está en Nova York; Irina Bunkova, profesora superior en dirección de coros e profesora superior de canto; e Marcos Galán, titulado superior en oboe. Todos contan cunha ampla bagaxe no eido da música desde hai anos. Marcos Galán estivo aquí en Burela cando se iniciou a Escola de Música como profesor e é unha ledicia volver contar con él para traballar sobre este novo proxecto que temos”.
O director da Escola Municipal de Música manifestou que “entre os diversos apartados que abordaremos están cámara, orquestra, banda, técnica vocal, análise musical, música activa para os máis cativos e musicoterapia” e animou “a toda a xente a que participe, porque todos teñen cabida, tanto os que teñen coñecementos previos sobre música coma os que se queren iniciar. É moi importante destacalo porque nos gustaría que fora un curso no que todo o mundo ao que lle guste a música se poida achegar pola Escola e disfrutar”.