Nota de prensa
O OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE APOIA A CONVOCATORIA DE CONCENTRACIÓN DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES PARA ESIXIR A RETIRADA DO PROXECTO DE LEI DE APOIO Á FAMILIA E A CONVIVENCIA EN GALICIA.
A concentración terá lugar diante do Parlamento galego o martes 28 de xuño ás 16h.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade quere mostrar de novo o seu total rexeitamento ó Anteproxecto de Lei de apoio á familia e a convivencia recentemente presentado pola Xunta de Galicia. É por iso que apoia a convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres que insta a unha concentración, o martes 28 de xuño ás 16h., diante do parlamento galego para esixir a retirada do proxecto de dita lei.
Como xa dixemos meses atrás o Anteproxecto de Lei de apoio á familia e a convivencia, ademais de estar redactado nunha linguaxe sexista, consideramos que é unha lei retrógrada que promove a volta a un modelo de familia tradicional e patriarcal no que a muller queda relegada ó ámbito doméstico e ó rol de nai e coidadora.
Con esta norma, o Goberno Galego recorta os dereitos das mulleres e mestura, a través dun discurso de forte compoñente ideolóxica, maternidade e sexualidade, esquecéndose da liberdade individual das mulleres para ser ou non ser nais. A este respecto, e o máis grave, é que esta lei cuestiona o dereito das mulleres a poder interromper o seu embarazo ó considerar que a vida existe no momento mesmo da concepción.
Cunha muller relegada ás tarefas do fogar e á natalidade, a Administración semella perseguir un aforro económico. Coas mulleres na casa deixarían de estar nas listas do paro e non sería necesario a construción de servizos básicos de proximidade para axudar ós homes e ás mulleres no coidado das/os fillas/os, como son as escolas infantís, as actividades extraescolares e outros recursos como os centros de día ou os necesarios para os dependentes.
Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade ínstase á Xunta de Galicia a facer leis realistas, prácticas e que non persigan o control da vida afectiva e sexual das mulleres. Pídenlle, así mesmo, que creen as medidas necesarias para que homes e mulleres poidan ter un fillo e conciliar a súa vida laboral coa familiar.