Nota de prensa
Catro liberados con soldos exuberantes para un concello de 3.500 habitantes
DEMETRIO SALGUEIRO RAPA: dedicación exclusiva de 3.866,24 euros brutos mensuais distribuídos en catorce pagas.
MARÍA DOLORES MEITÍN GUERREIRO: dedicación exclusiva de 2.356,58 euros brutos mensuais distribuídos en catorce pagas (900 euros ao mes máis que na anterior lexislatura).
ANA MARÍA ABAD LÓPEZ: dedicación parcial (por unicamente 15 horas semanais de traballo) de 1.001,79 euros brutos mensuais distribuídos en catorce pagas (100 euros ao mes máis que na anterior lexislatura).
CRISTINA IGLESIAS GUERREIRO: dedicación parcial (por unicamente 15 horas semanais de traballo) de 662,73 euros brutos mensuais distribuídos en catorce pagas (na anterior lexislatura non existía esta dedicación).
O grupo municipal do BNG de Xove votou a favor de dúas dedicacións exclusivas e en contra das outras dúas dedicacións parciais. Na súa argumentación, o Bloque xovense advertiu estar dacordo con que o goberno local designe dous liberados políticos, pero que entenden “excesivas” as catro dedicacións aprobadas polo PP.
Nesta liña, os nacionalistas advertiron tamén que o seu voto afirmativo a estas dúas dedicacións exclusivas non supón a conformidade do grupo do BNG coas retribucións establecidas polo propio equipo de goberno e que os salarios que os políticos populares se autoasignaron son “total responsabilidade dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular”.
Dous exemplos de incoherencia:
Demetrio Salgueiro aseguraba nunha noticia publicada por La Voz de Galicia o 11/11/2006, seis meses antes de ser proclamado primeiro edil de Xove, que «o alcalde (Jesús López, naquel entón) ten unha categoría profesional pola que non podería pasar dos 2.200 euros mensuais». O seu salario actual ascende a 3.866,24 euros brutos mensuais.
“O PP de Mondoñedo só apoiará unha dedicación exclusiva no equipo de goberno municipal. De actuar en sentido contrario estarán demostrando que o pacto de goberno o único que persegue é resolver situacións persoais dos seus integrantes e non mira polos intereses xerais dos veciños de Mondoñedo”. Así se expresou Elena Candia nunha nota de prensa enviada esta semana aos medios de comunicación. Os concelleiros do PP de Xove votaron a favor dela para deputada provincial, pero non tomaron exemplo das súas palabras. O goberno de Mondoñedo terá dúas dedicacións exclusivas para 4.500 habitantes. Xove terá dúas dedicacións exclusivas e dúas parciais (por só 15 horas de traballo semanal) para 3.500 habitantes.
Dous exemplos de coherencia:
En Ribadeo o BNG gobernará con maioría absoluta, igual que en Xove, pero só haberá unha dedicación exclusiva: a do propio alcalde, de 2.000 euros netos mensuais. O pleno de Ribadeo está conformado por 13 edís. Xove ten só 11.
En Viveiro, con 16.211 habitantes, o BNG cogobernará con dúas medias dedicacións. Se aplicáramos a proporción de liberados políticos que o PP destina a Xove, e tendo en conta o número de concelleiros da corporación e non o número de habitantes (porque entón sería un escándalo), en Viveiro o Bloque debería gobernar con dúas dedicacións exclusivas totais.
O grupo municipal do BNG de Xove manifestou no pleno celebrado hoxe que estes exemplos veñen ratificar a diferenza entre a ética política dos gobernos do Bloque e a falsa austeridade dos gobernos municipais do PP.