Nota de prensa:
O EQUIPO DE GOBERNO COMEZOU ESTA TARDE A FOMENTAR A PARTICIPACIÓN CIDADÁ E A RELANZAR A AXENDA 21. O ALCALDE LEMBROU QUE ÉSTE FOI UN COMPROMISO REALIZADO NA CAMPAÑA ELECTORAL.
Burela, 28 de xuño de 2011. O equipo de goberno comezou esta tarde a fomentar a participación cidadá e a relanzar a Axenda 21. Segundo lembraba o alcalde, José Mª González Barcia, “éste foi un dos compromisos que realizamos na campaña electoral e aos poucos días de chegar ao Concello xa estamos traballando neste asunto. É unha primeira toma de contacto, pero quixemos facer estes encontros canto antes, por un lado reunir ao comité de xestión das praias e por outro á Axenda 21 Local”.
O estado dos areais de Burela foi abordado na xuntanza que mantivo esta tarde no Concello o comité de xestión de praias. Un dos asuntos analizados foi a calidade da auga, segundo explican desde o equipo de goberno, “solicitóuse á Delegación Territorial de Lugo a emisión dos resultados microbiolóxicos. Na actualidade todas as praias do concello son aptas para o baño. Ademáis demos conta de que xa se procedeu a contratar ao persoal de limpeza e socorrismo que traballará nos nosos areais durante todo o verán”. No comité de xestión tamén se falou do emisario submarino da EDAR no que se detectaron fugas hai uns días e “se están implementando medidas para correxir o problema”.
No encontro desta tarde anuncióuse que en breve Gaia comenzará a realizar actividades de sensibilización nas praias de Burela e coma obxectivos do sistema de xestión figuran a reducción do consumo da auga nun 5% e a reducción da xeneración de residuos nun 10%. “Para conseguir estes obxectivos realizaremos campañas de sensibilización e colocaremos carteis nas duchas, nos lavapés e tamén nos areais co fin de concienciar á poboación e aos visitantes”, explicaron.
Tamén hoxe se reunía Axenda 21 Local “co obxectivo de aumentar a súa presencia na sociedade. Queremos fomentar o coñecemento, a sensibilización e a divulgación das materias que lle competen ao Foro 21 así como organizar cursos, xornadas, conferencias e actos relacionados con temas de carácter ambiental que afecten ao ámbito local”, explicou o rexedor. González Barcia subliñou a importancia de fomentar a participación cidadá no Concello de Burela.