Nota de prensa:
O GRUPO MUNICIPAL DO BNG FARÁ NO CONCELLO DE BARREIROS UNHA OPOSICIÓN CONSTRUTIVA, RIGUROSA, SERIA E FIRME, SEGUNDO DECLAROU HOXE A NOVA PORTAVOZ, ANA ERMIDA.
Barreiros, 15 de xuño de 2011. O grupo municipal do BNG fará no Concello Barreiros unha oposición construtiva, rigurosa, seria e firme, segundo declarou hoxe a nova portavoz, Ana Ermida. Os nacionalistas seguirán a facer políticas a medio e longo prazo e tentarán levar adiante as propostas que consideren máis axeitadas para o desenvolvemento e o avace do concello.
Ana Ermida sinalou que “o BNG despois de constituirse como grupo municipal seguirá a traballar na Corporación barreirense como sempre o fixo. Traballaremos desde onde nos colocaron as veciñas e os veciños para defender os intereses xerais de Barreiros e evidentemente da xente que vive no noso concello durante todo o ano”.
A portavoz do BNG no Concello de Barreiros lembrou que “no BNG sempre apostamos e así o seguiremos a facer por políticas a medio e longo prazo, xa que é evidente que as políticas a curto prazo que se estiveron a levar adiante no noso concello non deron resultado, á vista están os resultados que dan”. E engadiu que “para lograr iso desde o grupo municipal do BNG faremos unha oposición constructiva, pero tamén rigurosa, seria e firme para controlar a labor do grupo de goberno e tamén para intentar que se leven adiante as propostas que nós entendemos máis axeitadas para o desenvolvemento e o avance do noso concello e sobre todo para que redunde en beneficio de todas e todos os veciños de Barreiros, que son a nosa razón de ser”.