Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia o colapso no servizo de anatomía patolóxica no Hospital da Costa

Nota de prensa:
O BNG DENUNCIA O COLAPSO DO SERVIZO DE ANATOMÍA PATOLÓXICA NO HOSPITAL DA COSTA

Dous patólogos e tres técnicos soportan a carga de traballo que correspondería a catro patólogos e cinco técnicos

No Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa hai 5000 probas citolóxicas pendentes de resolver

Estúa denuncia que a acumulación de traballo e o escaso persoal impide ofrecer un servizo axeitado mentres a dirección deriva parte do servizo a centros privados

A Mariña, 13 de xuño de 2011. O BNG elevará ao Parlamento Galego unha iniciativa para preguntar polos problemas que existen no servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa de Burela. O Vice-responsabel Comarcal, Xoán Antón Estúa, criticou o colapso existente neste servizo que multiplicou a súa carga de traballo nos últimos anos sen que isto se vise reflectido no número de persoas que atenden o servizo. Os nacionalistas culpan á xerencia do hospital dos retrasos nos resultados en biopsias e citoloxías que acumulan 5000 probas sen resolver que nalgúns casos superan os nove meses de espera, indican ademais que mentres nas listas de contratación existe persoal preparado e formado, a xerencia de Burela decidiu formar en Oviedo a un achegado ao propio xerente e mentres tanto derivar á sanidade privada parte da carga de traballo que debería facerse no propio Hospital da Costa.

O colapso dos servizos en citoloxías e biopsias diminúe a calidade do servizo aumentando os tempos de espera incluso para patoloxías graves.

Xoán Estúa destacou que “si hai retrasos na entrega de análises claves para o diagnóstico, estase diminuíndo a calidade do servizo e o enfoque da enfermidade”, “os recortes que o SERGAS está a facer no servizo sanitario público van en contra da seguridade sanitaria da poboación e isto non se pode consentir”. O nacionalista explicou que o Servizo de anatomía Patolóxica do Hospital da Costa acumula 5000 probas pendentes de resolución e incrementou nos últimos anos nun 172% a carga de traballo para biopsias en un 50% as citoloxías, mentres seguen contando con dous patólogos onde debería haber catro. “E imposíbel sen persoal atender tal carga de traballo e quen paga as consecuencias son os mariñaos e mariñás con tempos de espera que nalgúns casos superan os nove meses para coñecer o resultado dunha proba”, sinalou Veiga.

Hai persoal formado e preparado para traballar nas listas de contratación que debería cubrir de inmediato as carencias existentes.

Estúa anunciou que o BNG trasladará ao Parlamento Galego os problemas do Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa, o nacionalista preguntouse “como é posíbel que existindo citotécnicos nas listas de contratación preparado para traballar, se estea formando a un Técnico en Anatomía en Oviedo para realizar probas de citoloxía?; quen paga a súa formación e quen é esta persoa que en calquera caso discrimina a aquelas que xa están formadas e figuran nas listas de contratación. O nacionalista tamén denunciou que, ao igual que sucede noutros servizos, non se suplen as baixas nin as vacacións do persoal polo que o colapso do servizo non deixa de medrar.

Os nacionalistas queren coñecer polo miúdo os motivos do colapso e as medidas previstas polo SERGAS para solucionar o problema.

A iniciativa parlamentar pretende esclarecer a situación real do servizo de anatomía patolóxica do Hospital da Costa, neste sentido Estúa concretou as preguntas que trasladarán aos responsábeis da Consellaría de Sanidade deben responder.

1.- Considera a Consellaría de Sanidade adecuado o servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa?

2.- Cre que dous patólogos poden atender o incremento na carga de traballo dun 172% en biopsias e un 50% en citoloxías?

3.- E certo que se está á espera da formación dun Técnico Especialista en Anatomía enviado a Oviedo para realizar as citoloxías e se obvia que existe citotécnicos nas listas de contratación para cubrir as necesidades do servizo?

4.- Cal é o incremento na carga de traballo no Servizo de Anatomía Patolóxica no Hospital da Costa nos últimos 10 anos? Que porcentaxe da carga de traballo existente neste servizo se deriva a outros hospitais privados?

5.- Considera a Consellaría de Sanidade que os equipos técnicos e equipamentos existentes son suficientes para asumir as necesidades do servizo de anatomía patolóxica do Hospital da Costa?

6.- As medidas de austeridade de esta Consellería son suspender o mantemento periódico dos equipos técnicos provocando a avaría dos mesmos, e consecuentemente a paralización da realización de probas diagnosticas?

7.- Que medidas ten previsto tomar a Consellaría de Sanidade para desatascar o colapso do Servizo de Anatomía Patolóxica no Hospital da Costa de Burela?

Exit mobile version