Nota de prensa
Postura do BNG perante a proposta de soldo do alcalde do Valadouro
Exposición de motivos:
● Dende o BNG en principio non nos opoñemos a que un alcalde teña un salario. Se os alcaldes non teñen salarios, so poderían ser elixidos como alcaldes os ricos ou terratenentes, e dende o BNG cremos que calquera pode ser alcalde con independencia da súa clase social ou da súa riqueza.
● Cando alguén recibe un salario, debe render no seu traballo, e os políticos non poden ser unha excepción. Cando un traballa, por exemplo, como mecánico debe arranxar coches, e cando un é directivo debe cumprir uns obxectivos. E un alcalde no fondo é un directivo.
● Nas empresas privadas, para a retribución dos directivos empregase a dirección por obxectivos: a un directivo márcanselle uns obxectivos e cobra en función de que cumpra con eses obxectivos ou non.
● Coa anterior Administración autonómica existía un proxecto de polígono industrial, que xa se encontraba na fase de aprobación polo concello do Valadouro, e que a Administración do PP paralizou en canto chegou o goberno.
● Para o BNG do Valadouro o polígono é un obxectivo fundamental, e que figuraba no programa de todos os partidos políticos que se presentaron ás anteriores eleccións.
● Dende o BNG contemplamos con preocupación como na última reunión que mantivo o alcalde coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, falouse dunha serie de investimentos pero non se falou do Polígono Industrial do Valadouro.
Por todo isto:
● O BNG apoiará o salario do Alcalde do PP unicamente se este se compromete publicamente a desbloquear o Polígono Industrial do Valadouro no prazo dun ano.
● Se no prazo dun ano e medio o polígono industrial segue paralizado, dende o BNG consideraremos que o alcalde non está cumprindo cos obxectivos e solicitaremos e apoiaremos a retirada do soldo ao alcalde.