Nota de prensa
O BNG CRITICA POR ABULTADO O GASTO EN DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS, PARCIAIS E ASESORIAS DO GRUPO DE GOBERNO
Cervo será o segundo concello da Mariña que soportará maior gasto do seu grupo de goberno con 110.513 euros ao ano
Estúa considera que a situación económica non permite por ética política un gasto tan elevado que debería ser regulado por lei
Cervo, 29 de xuño de 2011. O portavoz municipal nacionalista na corporación municipal de Cervo corrixiu os datos ofrecidos polo alcalde en relación ao gasto do grupo de goberno que fixaba en 76.520 euros anuais, asistencia a plenos e comisións a parte. Segundo o nacionalista, unha vez analizado o expedente que será levado a pleno mañá, os gastos do grupo de goberno, incluíndo unha dedicación exclusiva, tres parciais, o contrato eventual como persoal de confianza dunha exconcelleira e as asistencias a Xuntas de Goberno a suma total elévase a 110.513,77 euros ao ano, unha cantidade que o nacionalista considera desorbitada para un concello que non chega aos 4000 habitantes.
As dedicacións exclusivas e parciais incluíndo os gastos de seguridade social a cargo do concello suman 103.313,77 euros ao ano sen contar as asistencias Xuntas de Goberno.
Estúa explicou que o alcalde suporá un gasto anual de 52.458,97 euros, 39.842,20 de salario bruto mais 12.616,77 de seguridade social a cargo do concello; a concelleira Begoña Alonso Quintanilla custará 13.087,95 euros anuais, 9.800,04 de salario bruto mais 3287,91 de seguridade social por 45 horas mensuais de dedicación parcial; a concelleira Mª Pilar álvarez custará 8.429,95 euros, 6.311,76 brutos mais 2.117,60 de seguridade social por 29 horas ao mes de dedicación. Mención aparte hai que facer coa contratación como asesora de asuntos sociais da exconcelleira Pilar Armada como persoal eventual de confianza que custará 20.908,13 euros, 15.750 brutos mais 5.158,13 de seguridade social por un contrato de dedicación exclusiva no que non se lle fixa horario laboral senón “determinado en función das necesidades existentes”. A suma destas cantidades suporá un gasto anual de 103.313,77 euros ao que hai que engadir os gastos por asistencias a Xuntas de Goberno das concelleiras Yolanda Pedreira e Tania González que con carácter ordinario suporán 7.200 anuais co cal o gasto total ordinario do goberno municipal elévase aos 110.513,77 euros anuais, dietas e asistencias a pleno a parte.
Cervo terá o segundo goberno mais caro da comarca e será o cuarto por habitante e ano
Os nacionalistas critican o desorbitado gasto do grupo de goberno que o alcalde levará ao pleno de mañá. Para Estúa basta con comparar o gasto aprobado noutros concellos para ver que Cervo despois de Xove será o que soporte un gasto mais elevado, “moi por riba de concellos con moita mais poboación, orzamento mais elevado e menos débeda recoñecida”. Estúa comparou o gasto por habitante e ano e sinalou que Cervo está no cuarto lugar, con 27,9 euros por habitante por detrás de Xove, Trabada e A Pontenova e contrastou co gasto dos gobernos municipais con presenza do BNG onde o gasto por habitante son bastante mais baixos, caso de Ribadeo con 5,08 euros, Viveiro con 3,46 ou Mondoñedo con 13,82 euros.
Cervo non se pode permitir pagar tantas dedicacións co estado da débeda que ten e o contexto económico existente.
“Para o BNG Cervo non se pode permitir pagar tal gasto en dedicacións exclusivas e parciais mais asesores, non só polo contexto económico existente senón tamén polo estado da débeda bancaria da entidade municipal que ronda os 640 euros por habitante a 31 de decembro de 2010”, sinalou Estúa, quen ademais engadiu que “para un concello das nosas dimensións e poboación chegaría con dúas dedicacións a tempo completo e con salarios acordes coa situación económica actual”. O nacionalista acusou ao alcalde, Alfonso Villares, “de utilizar as arcas municipais para solucionar os problemas persoais dos seus achegados e obviar para o que lle convén as chamadas á austeridade que o PP reclama para outros.”