Nota de prensa:
O BNG SOLICITARÁ INFORMACIÓN SOBRE AS CONTRATACIÓNS REALIZADAS POLO CONCELLO NOS ÚLTIMOS DÍAS. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE SE ESTÁN A PAGAR OS FAVORES ELEITORAIS DO PP, GASTANDO O DIÑEIRO DE TODOS SEN CONTROL.
Barreiros, 16 de xuño de 2011. O BNG de Barreiros solicitará do goberno municipal toda a información existente ao respecto das contratacións de persoal realizadas nas últimas semanas. Os nacionalistas aseguran que “desde o Concello de Barreiros tense contratado numeroso persoal sen ter asignada unha función clara, nen ter organizado o traballo a desenvolver polas persoas elixidas. Igualmente, e como xa é habitual en Barreiros, non se ten dotado a este proceso selectivo de bases de contratación, polo que non se pode determinar se a selección respectou os criterios de igualdade, mérito e capacidade”.
Nas últimas horas, o BNG recibiu información ao respecto de contratación de persoal para o servizo de obras, “tal contratación, realizouse sen publicidade algunha e sen atender á profesionalidade das persoas que se presentaron para a súa elección. Este aspecto é particularmente relevante tendo en conta que o servizo de obras debería estar perfectamente organizado xa que no Concello de Barreiros se conta, polo menos ata este momento, cun concelleiro de obras con adicación exclusiva”, sinalan os nacionalistas barreirenses.
Desde o BNG de Barreiros din que “é evidente que a razón última destas contratacións é pagar con eles os votos recibidos nas pasadas eleccións polo Partido Popular con Alfonso Fuente á cabeza. Polo tanto, a contratación de persoal non responde a un plan de traballo deseñado e acorde coas necesidades das veciñas e veciños. O Partido Popular centrou a súa campaña electoral en xogar coas persoas, aproveitando os problemas laborais da xente e prometendo postos de traballo a cambio do apoio nas urnas. Trátase polo tanto, dunha utilización clara do Concello e do diñeiro público para poñelos ao servizo dos intereses particulares e partidistas”. E subliñan que “este foi o único programa eleitoral que presentou o Partido Popular”.
A portavoz municipal Ana Ermida manifestou que “durante a campaña eleitoral pasada, o PP adicouse a xogar coa necesidade das persoas e nin sequera se preocupou de presentar un programa de goberno. O único que fixeron foi prometer postos de traballo a cambio de votos, mercar vontades”.
Desde o Grupo Municipal do BNG insisten en que “este descontrol á hora da contratación de persoal, adicada en exclusiva a pagar os favores do Partido Popular, supón un gasto importantísimo que non redunda no beneficio xeral e, é máis, reduce a posibilidade real de levar a cabo inversións primordiais para o concello barreirense”.