Nota de prensa
O BNG advirte que Xove contaría con 70.000 euros máis ao ano para obras e servizos só con reducir á metade as liberacións políticas
A maioría absoluta do PP acadada nas eleccións do pasado mes de maio significou que os salarios e dedicacións exclusivas do equipo de goberno lle supoñan ás arcas públicas xovenses un 26% máis que na pasada lexislatura, cando os populares gobernaron con maioría simple. Entre salarios e seguridade social a cargo do Concello, o custo dos liberados políticos do PP ascende a 139.000 euros anuais para só catro persoas.
Marco López, portavoz municipal do Bloque, dixo que “os contribuíntes non poden asumir subas salariais de ata o 62%”, en referencia ao aumento de soldo de 900 euros brutos mensuais a unha das tenentes de alcalde, “ou soldos de 1.000 euros brutos mensuais por tan só 15 horas semanais de traballo”, en relación ás retribucións que percibirá outra compoñente do executivo do PP. “Necesitamos xente con principios nas administracións públicas e temos que empezar polo eido local”, declarou López.
Desde o BNG asombráronse de que, segundo a proposta da alcaldía, todas as dedicacións sexan “por consideralo preciso para o bo servizo dos veciños”, polo que se viron obrigados a pedirlle formalmente aos populares que “non tomen o nome dos cidadáns en vano” xustificando a súa avaricia persoal dese xeito.
Finalmente desde o Bloque xovense manifestaron que, de reducirse as dedicacións á metade, “o Concello de Xove contaría con 70.000 euros anuais máis para obras e servizos”.