Nota de prensa
ALFREDO LLANO FIXO UN BALANCE MOI POSITIVO DO SEU PASO POLO CONCELLO. O REXEDOR AGARDA QUE BURELA SIGA A MELLORAR SOCIAL E ECONÓMICAMENTE E AMÓSASE AGRADECIDO DE TER SIDO ALCALDE DURANTE CATRO ANOS.
Burela, 10 de xuño de 2011. O alcalde en funcións, Alfredo Llano, fixo un balance moi positivo dos catro anos que pasou no Concello. O rexedor subliñou que a vila foi obxecto de investimentos por importe de máis de 22 millóns de euros e agarda que no mandato que está a piques de comezar Burela siga a mellorar social e económicamente. Alfredo Llano amósase agradecido de ter sido alcalde durante catro anos.
O rexedor en funcións dixo que “estes catro anos foron uns dos máis interesantes da historia recente de Burela, dado que se produciu un investimento duns 22 millóns de euros, o que indica a cantidade de obras que se fixeron. Penso que Burela medrou tanto social como económicamente, tal e como demostra a ampliación do peirao, onde pasamos de atraques de 3.000 a 8.000 toneladas, tamén rematamos a nave de redes e hai unha cuestión moi importante que é o remate da traída de auga, que está a dar un servizo óptimo a todos os veciños. Houbo moitas actuacións en diversas rúas, en parques, contamos cun campo de fútbol de herba artificial, tamén se inaugurou unha pista de pádel e se melloraron moito todas as instalacións deportivas en xeral. Nestes catro anos fixemos de Burela un sitio atractivo para vivir, é un lugar con moita armonía entre os veciños, algo que supón unha boa base para levar adiante proxectos familiares e profesionales”.
Asignaturas pendentes
Llano aludiu aos asuntos iniciados no seu mandado e que agora quedan pendentes, “hai unha cuestión fundamental que nós xa comezamos e que non da tempo de rematar nunha soa lexislatura que é o Plan Xeral de Ordenación Municipal. O PXOM está moi avanzado, pero falta rematalo. Está pendente dunha exposición pública e penso que cando estea listo será unha cuestión fundamental para Burela porque determinará cómo queremos que medre o concello. Senon hai problemas, no mandato que agora se vai iniciar debería estar rematado. O acceso ao porto, que nós comezamos e que a Xunta paralizou nun momento determinado, é outra cuestión importante para Burela, agora hai un novo proxecto e a ver si nos vindeiros anos se remata. É unha asignatura pendente como a ampliación do Hospital da Costa e a mellora dalgúns servizos como a posta en marcha do centro de día, unha nova gardería, consolidar a zona comercial industrial do Perdouro… Burela non pode renunciar a ningunha destas cousas”.
O alcalde considera que “a nosa vila é un referente claro no ámbito pesqueiro no litoral cantábrico, hai que seguir apoiando este sector, hai que conseguir que o porto siga, avanzando, medrando e producindo moitísimo porque é unha base económica fundamental para o noso concello. Tamén hai que facilitar que o comercio siga a instalarse en Burela e hai que intentar conseguir novos servizos. A finais de ano váise inaugurar a nova Capitanía Marítima e ten que haber outros servizos como a ampliación da oferta educativa… Nestes catro anos abríronse 3 hoteis, o que supuxo un grande incremento das prazas hoteleiras de Burela. Esto ven indicar que apostamos por un turismo non masificado, de calidade e eso asegura que recibamos xente durante o verán, que nos traerá riqueza e que disfruten do noso concello. Tamén é necesario apoiar iniciativas coma os trens de Feve para que en xullo e en agosto fagan paradas máis duradeiras aquí. Burela é un concello de referencia na comarca e na provincia e hai que garantir que ese desenvolvemento continúe nos vindeiros anos”.
Alfredo Llano agarda que “polo menos non se perda o que temos conseguido, foi moito o que se conseguiu, Burela viu incrementada a súa poboación, algo que indica que a xente atópase moi a gusto vivindo aquí, ven que hai futuro para os fillos, para os matrimonios, para toda aquela xente que se queira integrar aquí con nós. Hai crecemento poboacional e económico e iso é o que hai que agardar no futuro. Sería moi negativo un retroceso para Burela. Agora mesmo non están moi fáciles as cousas, pero entre todos temos que conseguir que esto vaia para adiante e que Burela siga medrando tanto no social como no económico e que sexa un bó sitio para facer un proxecto de vida”.
O rexedor contou que “fixen moitos amigos ao longo dos últimos anos, permitíronme coñecer a moita xente en Burela. Con sinceridade digo que sempre tratei aos veciños máis como amigos que coma veciños e procurei axudar en todo o que se puido. Tentamos traballar para o ben común e non para o ben particular, por tanto para min foi unha experiencia moi positiva. Estou moi agradecido de ter sido durante catro anos alcalde de Burela”.