Nota de prensa
AS LARANXAS DEIXAN A COPA ANTE O MÓSTOLES PELEXANDO ATA O ÚLTIMO SUSPIRO (2-1)
A festa laranxa non puido rematar con final galego. O Burela FS deixa a Copa
de España cunha meritoria imaxe dentro e fóra da pista, como un loitador
incansable, pelexando ata o último suspiro ante o Móstoles (2-1), que loitará
por validar o título.
Definitivamente esta non era unha final predestinada para os equipos
irmandiños. Xa o presaxiou pola mañá a eliminación do favoritísimo Ponte
Ourense, contra todo prognóstico, e pola tarde as mariñás tiveron en vilo o
billete para a final ata o último segundo.
Aínda non se acomodora o numerosísimo público na bancada, cando chegou a
primeira alegría para as laranxas, dun espectacular control e remate de
Vanessa (minuto 2), de pase longo de Claudia. Cunha presión moi adiantada das
mostoleñas, as burelás tiveron que repregar filas para salvagardar o
electrónico ao seu favor. Aínda tivo outra boa oportunidade a brasileira a
catro minutos para o asubío do descanso, nunha espléndida galopada, que
desbaratou Sonia. Pouco despois, Milena puido ampliar as distancias, nun roubo
en media pista, que saíu moi desviado. A 2 segundos do remate do primeiro
período, a acertada actuación de Jozi impediu a igualada.
Á volta dos vestiarios, as liñas niveláronse cun leve avance das mariñás. O
empate chegou no minuto 24 nun lanzamento cruzado en carreira de Patri Jornet,
perseguida por Lucía. Segundos máis tarde, Bea, soa ante Jozi, subiu o 2-1. A
mellor ocasión tívoa o Burela FS Pescados Rubén no 31, nun rexeitamento da meta
madrileña; despois, no 32, Lucía quedou soa ante Sonia.
A cinco minutos para rematar o tempo regulamentario, Dolo vestiu a camiseta de
porteira xogadora. No 37, a bancada laranxa saltou nun balón que a piques estivo
de ser a igualada entre Lucía e Ro. E a partir de aí avalancha laranxa; a 32
segundos Ro rozou un pase de Vanessa ao lado da portería. Aínda tivo o empate
nos seus pés Lucía, pero non puido ser.
*FINAL.* Rioja Diamante e Móstoles FSF pelexarán polo título mañá en Vista
Alegre, a partir das 18.30, nun encontro que será retransmitido pola TVG2.
__
_Ficha técnica_
*Móstoles FSF: *Sonia, Sonso, Beíta, Bea e Patri Jornet, no cinco inicial; tamén
xogaron Inma, Ju Delgado, Patri, Eva Manguán,
*Burela FS Pescados Rubén:* Jozi, Vanessa, Claudia, Ro e Lucía, no cinco
inicial; tamén xogaron Milena, Dolo, Lidia
*Goles:* 0-1, minuto 2, Vanessa; 1-1, minuto 24, Patri Jornet; 2-1, minuto 25, Bea
*Tarxetas amarelas: *Milena, minuto 14; Claudia, minuto 28