Nota de prensa
Máis de 9.200 persoas coñeceron a riqueza medioambiental da provincia co Barco Muralla de Lugo
– Son os visitantes da aula turístico-medioambiental da Deputación durante o seu percorrido polas feiras e citas gastronómicas que se celebraron na provincia ó longo deste ano
– Logo de abordar a 15 municipios, a embarcación pon fin a súa segunda tempada arribando ó Arde Lucus ós vindeiros 17, 18 e 19 de xuño
A aula móbil en forma de barco -que rinde homenaxe á Muralla de Lugo levando o seu nome- contribuíu á comercialización dos produtos autóctonos nas feiras de: Queixo e Mostra Multisectorial en Monterroso, Caldo de Ósos en Taboada, Viño en Chantada, Queixo de San Simón en Vilalba, Artesanía do Ferro en Riotorto, Augardente en Portomarín, As Quendas en Mondoñedo, San Isidro Labrador (Sarria e Paradela), Empanada e Produtos dos Ancares en As Nogais; ademais das citas mensuais de Pobra de San Xiao en Láncara e en Castroverde; así como en Guntín e Burela.
O Barco Muralla de Lugo pon fin a súa segunda tempada na celebración do Arde Lucus os vindeiros días 17, 18 e 19 de xuño. Será na capital lucense onde os miles de persoas que, segundo as previsións, participarán nesta festividade terán a última oportunidade para redescubrir o valor natural na provincia. E é que a embarcación está totalmente ambientada como os barcos mariñanos. O seu interior está dotado con mobiliario e material náutico tales como redes, timóns, brúxulas, nasas, ou balsas hincables que de xeito gratuíto cederon as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. –Debido a este colaboración desinteresada, o barco ten unha única praca de agradecemento-. Ademais, tamén inclúe ordenadores, dípticos de información sobre as Reservas da Biosfera, iniciativas empresariais ou bolsas de estudos, a maiores dos videos da provincia elaborados pola Fundación Tic, organismo dependente da institución provincial.
Segunda parte do Lug02
O Muralla de Lugo enmárcase dentro de Lug02, o programa medioambiental dotado de 5 millóns de euros, co-financiado nun 70% pola Unión Europea e nun 30% polo organismo provincial, posto en marcha dentro da aposta polo medioambiente, “a nosa oportunidade económica”. O organismo provincial xa solicitou novos fondos comunitarios para desenvolver a segunda parte desta iniciativa debido ó seu éxito: creou e mantivo miles de postos de traballo na provincia (por exemplo, os máis de 3.000 autónomos e traballadores de empresas dos sectores do comercio e a hostalería de Km0); xerou novas oportunidades económicas no medio rural (impulsáronse 5 pioneiras entidades que dan emprego directo a preto de 20 persoas); potenciou 150 produtos autóctonos de case 40 entidades a través dunha marca de auténtica calidade; favoreceu a inserción laboral de 18 mozos lucenses que se beneficiaron das 1º becas medioambiental da provincia, etc.
A Deputación espera máis de 7 millóns de euros para seguir apostando polo emprego verde mediante a posta en valor dos recursos naturais. Coa reedición de Lug02, a institución ten previsto continuar coa promoción da agricultura e a gandeiría ecolóxica, coa implantación de enerxía renovables ou fomentar o ecoturismo.