Nota de prensa
Besteiro consolida a Lara Méndez como Vicepresidenta 2ª e nomea a Manolo Martínez e Pilar García voceiros na Deputación
– O organismo provincial incorpora por vez primeira a figura de Vicevoceira que será desempeñada pola Deputada socialista do partido xudicial de Chantada
– A finais desta semana serán públicos os nomes dos Deputados responsables das áreas, varias delas de nova creación, coas que o equipo de goberno responderá ós novos retos da provincia como o despoboamento demográfico ou as enerxías renovables
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este luns que, tras a xuntanza mantida esta mañá co Partido Socialista, Lara Méndez consolídase como Vicepresidenta Segunda do organismo provincial para os vindeiros catro anos, de modo que a Deputada mariñana revalida o cargo por segundo mandato consecutivo. Despois de dirixir programas tan importantes para a Deputación e os Concellos como a implantación da administración electrónica a través do “Innova-TE, os primeiros programas de axuda ós autónomos ou o “Pacto Provincial polo Emprego”, Gómez Besteiro destacou que “Lara Méndez desempeñou un bo traballo no anterior mandato”, polo que a representante do partido xudicial de Mondoñedo repetirá no cargo.
Asimesmo, o máximo mandatario provincial avanzou que Manolo Martínez será o voceiro do PSOE na Deputación e Pilar García Porto desempeñará o cargo de Vicevoceira. Deste xeito, o equipo de goberno incorpora por primeira vez esta figura co obxectivo de impulsar con forza as novas liñas de traballo da Deputación, dando resposta ós retos actuais que afronta a provincia como son o despoboamento demográfico, a ampliación da banda longa xunto á administración electrónica, as enerxías renovables ou o aforro enerxético, entre outras. O Presidente afirmou que “hoxe damos un paso máis na conformación do goberno. Hoxe enviaremos esta comunicación ó servizo de Actas da Deputación confirmando as novas designacións”.
Deputados para as novas áreas
O Presidente adiantou que a finais desta semana coñeceranse os nomes dos Deputados que xestionarán as diferentes áreas que conforman o goberno provincial e que foron presentadas o pasado sábado, prestando especial atención a un aspecto totalmente novidoso como é a demografía. A institución luguesa converteuse na primeira administración galega e pioneira en España na creación dunha área específica. As áreas non aumentan en número, seguirán sendo oito -6 do PSOE e 2 do BNG, como no mandato iniciado no 2007-, pero inclúen destacadas innovacións.
Ademais da Presidencia, que a maiores das competencias sobradamente coñecidas, comprende responsabilidades como: a Oficina de Planificación estratéxica (execución do 1º Plan Estratéxico Provincial, unidade de proxectos, etc); Comunicación; Atención ó cidadán; Protocolo; Parque Móbil; dirección da Fundación TIC e as accións coa comunidade exterior, existirán as seguintes áreas, que experimentan unha profunda renovación:
1.- Área de Emprego, Economía Sostible e Demografía. Esta divídese en:
a) Medio Ambiente e Enerxías renovables (comercialización de productos autóctonos, Axencia provincial da enerxía, etc).
b) Economía do coñecemento, emprendedores e innovación (administración electrónica, centros como o de Innovación Social, a oficina de asesoramento ós emprendedores, etc).
c) Economía Rural e do Mar (Granxa Gayoso Castro, liñas de colaboración co medio rural e mariño, etc).
2ª.- Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos. Profundizará nas liñas iniciadas no anterior mandato que ademais aforraron cantidades contiosas ós municipios.
3ª.- Economía, Recadación e Facenda. Recadación cambia neste mandato de Cooperación cos Concellos para Economía e Facenda, por motivos de eficiencia e racionalización.
4ª.- Goberno interior. O antigo concepto de Recursos Humanos da un salto cara un novo concepto: o de goberno interior.
5ª.- Xestión Territorial. O antigo departamento de Obras e Infraestruturas da un salto cualitativo cara a xestión territorial, un concepto máis completo
6ª.- Deseño e Artesanía (CENTRAD). Anteriormente dependente do INLUDES, asume e amplía a súa parte de Deseño.
7ª.- Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, que xestionará Mario Outeiro.
8ª.- Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mociedade, que dirixirá Antonio Veiga.