O presidente da Xunta salienta o feito de que Galicia siga sendo “a primeira comunidade española en número de praias e portos galardoados” coa bandeira azul
Feijóo subliña que o recoñecemento da Comunidade como unha das costas máis atractivas de Europa contribúe a que “a marca Galicia chegue a todos os recunchos do mundo”
“A boa saúde das nosas praias e portos deportivos é un grande éxito colectivo e unha grande lección para moitos retos de futuro”, asegura
Resalta o valor duns datos “reveladores” que recoñecen o esforzo de rexeneración da oferta turística e permiten continuar neste exercicio “o éxito de afluencia de visitantes que se produciu no pasado Ano Santo Xacobeo
Sinala que “o reparto das bandeiras azuis entre concellos non entende de signos políticos ao uso”, senón que “agocha unha ideoloxía cunha cor ben definida: Galicia”
Porto do Son (A Coruña), 24 de xuño de 2011.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, no acto de entrega das Bandeiras Azuis 2011, que o recoñecemento da comunidade como unha das costas máis atractivas de Europa contribúe a que “a marca Galicia chegue a todos os recunchos do mundo e que a nosa terra siga sendo un referente turístico, porque previamente é un referente ambiental e da natureza”.
“A boa saúde das nosas praias e portos deportivos é un grande éxito colectivo e unha grande lección para moitos retos”, aseverou o presidente galego quen destacou que Galicia segue sendo “a primeira comunidade española en número de praias e portos galardoados”, incorporando ao listado tres novos portos distinguidos: os coruñeses de Ribeira e Sada e o pontevedrés de Portonovo.
Así, o titular do Executivo galego resaltou o valor duns datos que, sinalou, “son reveladores” na medida que recoñecen o esforzo de rexeneración da oferta turística e permiten continuar neste exercicio “o éxito de afluencia de visitantes que se produciu no pasado Ano Santo Xacobeo”.
Neste contexto, Feijóo quixo recoñecer “as achegas de todos os concellos galardoados” así como dos seus cidadáns, “que custodian celosamente a singular historia litoral”. “O reparto das bandeiras azuis entre concellos –explicou- non entenden de signos políticos ao uso, mais eu creo que si agocha unha ideoloxía cunha cor ben definida: Galicia”.