Nota de prensa
RAQUEL ARIAS PRESENTOU OS NOVOS CICLOS DE FORMACIÓN PROFESIONAL NA PROVINCIA, QUE OFERTAN CASE 3.000 PRAZAS EN 117 ESPECIALIDADES
Introdúcense novas ensinanzas, ofértase por primeira vez a educación a distancia de Farmacia e Parafarmacia, e créase un Centro Integrado de Formación Profesional
Lugo, 10 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, presentou hoxe a nova oferta formativa de Formación Profesional para a provincia de Lugo, unha oferta “máis completa, máis flexible e de maior calidade, que responde a unha estratexia de impulso destas ensinanzas”, segundo destacou.
Así, ofertaranse 2.972 prazas a impartir nun total de 117 ciclos formativos. Na capital implantaranse catro novos ciclos formativos: O ciclo medio de Instalacións de produción de calor no IES As Mercedes, o ciclo medio de Desenvolvemento de aplicacións web no IES Muralla Romana, e dous novos ciclos no Instituto Politécnico: O primeiro de Farmacia e parafarmacia, e o segundo de Atención sociosanitaria.
Así mesmo, establécese por primeira vez nesta provincia a educación a distancia no ciclo de FP en Farmacia e parafarmacia, que suporá a oferta de 50 prazas novas de este tipo de formación.
Pola contra, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria viuse obrigada a suprimir dous ciclos a causa da baixa matrícula existente. Estes son o ciclo superior de Cociña no IES de Foz e o ciclo medio de Instalacións eléctricas no IES de Palas de Rei, no que non existía demanda de matriculación. Igualmente, suprimiuse o ciclo de Dietética no Politécnico de Lugo porque xa non se contempla como tal na Lei Orgánica de Educación.
A reordenación da Formación Profesional levou tamén á creación de sete novos Centros Integrados de Formación Profesional en Galicia, un deles no Politécnico de Lugo. A delegada territorial explicou que esta medida responde a dúas razóns, “o incremento da demanda de ensinanzas de FP, sobre todo nas cidades, e a intención de reforzar a oferta, concentrándoa nestas instalacións para articular centros especializados por familias profesionais”.
Arias aludiu tamén a que a reorganización adoptada pola Xunta cumpre coa “Estratexia 2020” da Comisión Europea para as ensinanzas de formación profesional, que pretende “favorecer a mobilidade entre a FP e as ensinanzas superiores, tal como ocorre cos novos ciclos de grao superior, fomentar a cultura do emprendemento e ofertar ensinanzas que reflictan os cambios na contorna socioeconómica”, asegurou.
Reordenar para mellorar
200 alumnos de ESO e Bacharelato do Instituto Politécnico serán trasladados ao IES Sanxillao, para que o primeiro imparta exclusivamente formación profesional. A redistribución da oferta entre ambos centros, afirmou Raquel Arias, “responde á vontade de optimizar os recursos”.
A delegada enviou unha mensaxe de “tranquilidade aos estudantes, pais e nais, e ao profesorado afectado”. Polo que respecta a este último, Arias aseguro que “os 34 docentes implicados van a ter prioridade para elixir destino, e prevese que o número de prazas ofertadas na cidade sexa suficiente para acollelos a todos”.
En canto aos alumnos e alumnas, recibirán ensinanza no Sanxillao “nas mesmas condicións e cos mesmos compañeiros, e por suposto mantendo a calidade do ensino e os servizos”, afirmou.
A delegada lembrou que os centros están próximos, e incluso o IES Sanxillao está máis preto que o Politécnico dalgúns dos grupos escolares que tiña adscritos, o que acurtará a distancia no traslado dos alumnos e alumnas cando dan o paso dende Primaria á ensinanza secundaria.