Nota de prensa
Cultura e Turismo licita por 300.000 euros as obras de consolidación e
acondicionamento da Fortaleza de Tovar en Lourenzá (Lugo)
rehabilitación da Fortaleza de Tovar no lugar de Canedo en San Tomé de Lourenzá
(Lugo) por un importe total de 299.998 euros.
Santiago, 14 de xuño de 2011.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a
resolución da Consellería de Cultura e Turismo pola que se anuncia a licitación,
polo procedemento aberto con pluralidade de criterios do contrato de obras de
consolidación e acondicionamento da Fortaleza de Tovar no lugar de Canedo en San
Tomé de Lourenzá (Lugo). As actuacións para a posta en valor deste Ben de
Interese Cultural contarán cun importe total de 299.998 euros distribuídos en
tres anualidades e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional,
nun 70%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.
A Fortaleza de Tovar foi construída en 1530 e está situada na parroquia de Santo
Tomé, no Concello de Lourenzá. Na actualidade, o seu estado de conservación
determina a necesidade de acometer obras urxentes que impidan o continuo
deterioro do monumento, e acondicionen os espazos máis representativos para a
súa visita e uso público. As actuacións que levará a cabo a Consellería de
Cultura e Turismo na Fortaleza de Tovar consisten principalmente na desmontaxe e
acopio de material de cubrición para a súa reutilización; a rehabilitación dos
sistemas estruturais de madeira de cuberta e forxados intermedios; e a
consolidación e reparación en muros con retirada de vexetación. Asemade, tamén
se realizarán a instalación eléctrica e iluminación básica; labores de
carpinterías e reparacións en fiestras e portas e se acondicionará o contorno.
A Fortaleza de Tovar foi declarada Ben de Interese Cultural en 1949, coa
categoría de monumento, pola súa natureza de castelo e edificación fortificada.
Data da primeira metade do século XVI e foi levantada por Don Antonio de Tovar,
home de confianza do emperador Carlos V, no mesmo lugar onde se situaba a Torre
de Canedo do século XIII. Trátase dunha xoia do gótico isabelino e dun Ben de
Interese Cultural que se atopa moi preto do Camiño de Santiago (Camiño do
Norte). A súa posta en valor enriquecerá aínda máis esta ruta xacobea.