Site icon Crónica3.com A Mariña

Conmemoran o “Día dos océanos” cunha visita ao servizo de gardacostas de Celeiro

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS VISITA O SERVIZO DE GARDACOSTAS DE CELEIRO XUNTO A ALUMNOS DE DOUS COLEXIOS DE VIVEIRO NA CELEBRACIÓN DO DÍA DOS OCÉANOS

Na base traballan 34 persoas, que dispoñen dunha embarcación, nove vehículos e un helicóptero de garda as 24 horas todos os días do ano
A delegada territorial percorreu as instalacións e conversou cos estudantes acerca da importancia de preservar os inxentes recursos do mar

Viveiro, 8 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou esta mañá a base do Servizo de Gardacostas de Celeiro xunto con preto dun centenar de estudantes dos colexios Santa Rita de Galdo e Loís Tobío, ambos de Viveiro, con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Océanos.

A delegada percorreu as instalacións e conversou cos alumnos sobre a importancia da efeméride para “reforzar a conciencia social sobre a necesidade de preservar a grande e variada cantidade de recursos que obtemos dos océanos”, segundo destacou.

Ao respecto, Arias lembrou que do sector pesqueiro galego “dependen máis de 25.700 mariñeiros, acuicultores e mariscadores”, así como traballadores de actividades como a industria conserveira, os estaleiros, e o comercio. “Estímase que por cada emprego na mar, créanse arredor de catro empregos máis en terra”, afirmou.

A delegada referiuse “ás outras riquezas que nos dispensan os océanos, dende reservas petroleiras ou de gas natural ata materia prima para a elaboración de medicamentos, se ben a súa contribución máis especial consiste en proporcionarnos a maior parte do oxíxeno que respiramos”, de aí –subliñou- que o lema elixido este ano destaque o seu aporte capital á calidade ambiental: “Os nosos océanos: Por un futuro verde”.

O helicóptero de salvamento Pesca II foi un dos principais atractivos da visita para os estudantes. O helicóptero está operativo 24 horas ao día os 365 días do ano, atendido por un grupo de 21 efectivos -9 pilotos, 9 rescatadores e operadores de grúa e 3 mecánicos- que realizan as distintas quendas.

O Pesca II leva realizadas este ano nove misións de salvamento, aínda que só foi preciso rescatar a dúas persoas. No cómputo global de actividades figura o rescate de 253 persoas nos últimos 20 anos.

O cadro de persoal da base está integrado en total por 34 persoas, que dispoñen ademais dunha embarcación e de nove vehículos para o desenvolvemento das labores de vixilancia e salvamento.

A delegada territorial puxo de relevo a cantidade de medios marítimos, terrestres e aéreos que a Consellería do Mar destina a velar pola seguridade de pescadores e mariñeiros. O Servizo de Gardacostas mobiliza a un operativo de 127 persoas, entre inspectores, subinspectores, patróns, mecánicos e vixiantes mariñeiros.

Conta con 27 embarcacións, tanto con base fixa como dedicadas a patrullar de xeito itinerante por toda a costa galega, ademais de 68 vehículos e dous helicópteros: O Pesca I, con base en Vigo, e o Pesca II, en Celeiro.

Declaración institucional

Raquel Arias aludiu á declaración institucional que fixo pública a Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional dos Océanos, baixo o lema: “O mar como elemento de unión e futuro”.

Neste texto, centrado no indisoluble vínculo de Galicia co mar, “a Xunta de Galicia defende o equilibrio entre os eidos ambientais, sociais e económicos da nosa relación co mar como fórmula de futuro, de forma que se garanta dar saída ao noso porvir e manter o océano nun estado que nos permita legar aos nosos descendentes un medio mariño ben conservado e razoablemente explotado”.

Por iso, engade, “desde o Goberno de Galicia defendemos a conservación da contorna costeira e mariña de acordo con parámetros sostibles na relación humana con el, planificando o desenvolvemento urbano e das infraestruturas e traballando para garantir a mantenza da biodiversidade e dos ecosistemas mariños en bo estado”.

Exit mobile version