Site icon Crónica3.com A Mariña

Co Plano Director da Rede Natura ningún espazo costeiro estará libre da patronal acuícola, asegura ADEGA

Nota de Prensa.

*Plano Director da Rede Natura: nova ferramenta de demolición de Feijóo
<http://adega.info/info/090121joomla/ultimas-novas/542-plano-director-da-rede-natura-nova-ferramenta-de-demoliicion-de-feijoo>*

14 de xuño de 2011.* A Xunta vén de apresentar o *Plano Director da Rede Natura*, o
instrumento que debería permitir compatibilizar a conservación dos valores
naturais destes espazos co seu aproveitamento sustentábel. Independentemente dos
criterios e contidos do documento, ao que ADEGA fará achegas no prazo de
alegacións, *o plano nace morto*. Como é posíbel que a acuicultura industrial en
terra, unha actividade que “lamina” o territorio e inxecta grandes cantidades de
contaminantes no medio acuático, vaia ser declarada compatíbel por decreto mesmo
cos espazos de maior valor ecolóxico do país? Como entender que a Xunta dé carta
branca a Pescanova e Stolt para instalarse onde queiran mentres establece
limitacións a veciños, propietarios e pequenos produtores? Con esta norma na
man, ningún espazo costeiro estará libre das gadoupas da patronal acuícola.
Noraboa Sr. Feijóo: acaba de poñer a Galiza ao mesmo nível en conservación que
Moçambique ou Guatemala, dous “paraísos” para Pescanova.

O entreguismo da Xunta diante da patronal acuícola ten precedentes. Xa dende o
pomposo POL (Plano de Ordenamento do Litoral), quedou ben claro que os intereses
das empresas acuícolas, eólicas, etc. estaban a salvo: os Planos Sectoriais en
vigor, non están afectados polo POL
<http://adega.info/info/090121joomla/ultimas-novas/378-plano-do-litoral-cando-a-excepcion-e-a-regra-non-hai-regras>.
O POL non existe para Pescanova, Stolt, Iberdrola, Fenosa, etc. pero sí para o
resto da cidadanía.

O seguinte chanzo é socavar as garantías legais que protexen os hábitats e as
especies dos espazos da Rede Natura, e permitir a Pescanova asaltar Touriñán,
emblema da conservación e da defensa da costa galega fronte á depredación. A
este respeito, a Directiva de Hábitats é clara (artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE
de Hábitats):

/6.4. Si, apesar das conclusións negativas da avaliación das repercusións sobre
o lugar e a falla de solucións alternativas, debera realizarse un plano ou
proxecto por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluidas
razóns de índole social ou económica, as Administracións públicas competentes
tomarán cantas medidas compensatorias sexan necesarias para garantir que a
coherencia global de Natura 2000 quede protexida. No seu caso, as Comunidades
Autónomas comunicarán ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación as
medidas compensatorias que teñan adoptado e este, através da canle
correspondente, informará á Comisión Europea. No caso de que o lugar considerado
albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente
poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade
pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o
medio ambiente, ou ben, *outras razóns imperiosas de interese público de
primeira orde*. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que
consultar, previamente, á Comisión Europea./

A estratexia de Feijóo consistiu pois en declarar “pulpo como animal de
compaña”. Se as piscifatorías deben ser consideradas “de interese público de
primeira orde”
<http://adega.info/info/090121joomla/ultimas-novas/528-a-xunta-declara-a-acuicultura-de-interese-publico-para-entregar-a-costa-a-patronal-acuicola>,
ao mesmo nível que, poñamos por caso, un porto refuxio ou unha instalación de
salvamento marítimo, pois acórdase no consello da Xunta e listo. Neste tipo de
declaracións absurdas tamén hai precedentes: en 2001 o Decreto 302/2001
declaraba a compatibilidade das instalacións eólicas coa Rede Natura.
Curiosamente, a recente lei eólica 8/2009
<http://adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=1440&Itemid=2>,
tamén aprobada polo PP, establece como zonas de exclusión os espazos da Rede
Natura… 9 anos tarde, coa metade dos parques eólicos xa instalados sobre
espazos protexidos, e unha desfeita ambiental sen precedentes en Europa.

Con todo, e maila ás indecentes trécolas da Xunta, a Rede Natura segue a estar
baixo o paraugas da UE e calquera actuación, de afectar a hábitats prioritarios,
debe contar co visto bó de Europa. Dubidamos moito que a Comisión Europea acepte
como aproveitamento compatíbel unha actividade, a acuicultura industrial en
terra, que o primeiro que fai é explanar a cota cero centos de hectáreas dos
hábitats costeiros máis valiosos.

E con respeito á prometida ampliación da Rede Natura galega, unha das máis
cativas do estado, non nos cabe dúbida que chegará cando Pescanova, Stolt,
Iberdrola, GN-Fenosa, Endesa… etc, teñan “collido” sitio.

ADEGA fai un chamado á cidadanía para saír na defensa do noso patrimonio
natural, facendo de Touriñán
<http://adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=1454&Itemid=2>
outro símbolo do conservacionismo galego fronte á depredación de determinadas
empresas e os seus factótums políticos.

Exit mobile version