Nota de prensa:
O CONCELLO ASINARÁ UN CONVENIO PARA ABONAR 12.000 EUROS Á FUNDACIÓN EXPOMAR, UNHA PARTIDA QUE ESTÁ CONTEMPLADA NOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DESTE ANO. JOSÉ Mª GONZÁLEZ BARCIA DI QUE ASÍ SE RETOMA DE FORMA CONTUNDENTE O PAPEL DE PATRONO TUTOR QUE EXERCERÁ O CONCELLO E SE CORREXIRÁ UNHA SITUACIÓN QUE TILDA DE “ANÓMALA”.
Burela, 29 de xuño de 2011. O Concello asinará un convenio para abonar 12.000 euros á Fundación Expomar, unha partida que está contemplada nos orzamentos municipais para 2011. O alcalde, José Mª González Barcia, asegura que así se volve retomar de forma contundente o papel de patrono tutor que exercerá o Concello sobre a Fundación Expomar e di que a relación entre ambas entidades nos últimos catro anos non era nin a máis lóxica nin a máis coherente.
O rexedor explicou que “na reunión que hoxe celebrou o patronato da Fundación Expomar procedéuse á renovación dos cargos derivados das eleccións municipais do pasado 22 de maio. Deste xeito será presidente o alcalde, será vicepresidente o primeiro tenente de alcalde, Manuel Fernández Valle, e a concelleira delegada do Mar, Patricia López Eijo, que actuará como secretaria”.
González Barcia dixo que “sen dúbida o máis importante que abordamos foi o convenio que vai asinar o Concello con Fundación nos vindeiros días por un montante de 12.000 euros, unha cantidade que está contemplada nos presupostos xerais do Concello para este ano. Esta cuantía non se abonou a Expomar nos anos 2008, 2009 e 2010”. E lembrou que “a Fundación recibía todos os anos desde a súa creación esa partida económica do Concello, no 2007 percibiuna porque nós deixamos feitos os presupostos, pero non volveu contar con ela. Nós presentamos hai tempo unha moción pedindo que se recuperase esa partida, o bipartito apoiouna de forma parcial e acordaron que esa cantidade se pagaría só cando houbese feira”. Para o alcalde de Burela “o Concello volve agora retomar de forma contundente o papel de patrono tutor da Fundación Expomar”.
Como presidente da Fundación Expomar anunciou que “vamos iniciar as xestións pertinentes para que desde a Fundación se vaia abonando a cuantía que se lle adebeda á cofraría de pescadores polo uso da nave de redes tanto na feira Expomar como en Produart. Agora mesmo a débeda está nuns 20.000 euros e a intención é aboala a ser posible canto antes, pero de non ser así faríase en dous prazos”. José Mª González Barcia engadiu que “deste xeito o que se intenta é correxir a relación que viña tendo o Concello con Expomar e que a nós non nos parecía nin a máis lóxica nin a máis coherente tendo en conta que o Concello ten o papel de patrono tutor. E por outra parte queremos correxir os desequlibrios que había coa propia cofraría de pescadores que estaba adiantando cartos para a Fundación Expomar, cousa que en principio non nos parece mal, pero o que sí é certo é que a cofraría non vai estar adiantando cartos de forma permanente. Eses compromisos se levarán a cabo en breve e así se correxirá unha situación que desde o noso punto de vista era claramente anómala”.