Arranca esta fin de semana o programa Lugoteando na Mariña con máis de 200 persoas inscritas
– 60 persoas participarán na modalidade de Kite Surf, unha das principais novidades que inclúe esta iniciativa que por 1ª vez se desenvolve na Costa luguesa
– As actividades lúdico-medioambientais, que se celebrararán a partir do sábado na praia da Rapadoira de Foz, continuarán ó longo deste mes en Burela e Ribadeo
– Todos os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico aínda poden inscribirse chamando ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, e incluso antes do comezo de cada actividade
Logo de que o programa Lugoteando rematase a pasada fin de semana no río Miño, a Deputación traslada a iniciativa por primeira vez á Mariña co obxectivo de que os mariñanos disfruten da súa Costa a través de distintas actividades lúdico-medioambientais nunca antes vistas na zona. Un total de 230 persoas xa están inscritas para participar na iniciativa que dará comezo o sábado, 11 de xuño, a partir das 11:00 horas na praia da Rapadoira de Foz, e que continuará nese mesmo lugar o domingo ata as 19:00 horas.
Deste xeito, 150 persoas participarán na modalidade Multiactividade que inclúe as seguintes actividades: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf para tonificar os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.
Outras 20 están anotadas para a práctica de wakeboard, combinación entre esquí acuático e snowboard que consiste en manter o equilibrio sobre unha táboa, e 60 para a de Kite Surf. Esta modalidade é a primeira vez que se inclúe dentro do programa e consiste nunha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia, e que incorpora cometas.
Rematada a súa estancia en Foz, as actividades, que están dirixidas a toda a familia e custan 5 euros por persoa, continuarán ó longo de todo o mes na Mariña. Concretamente, celebraranse en Burela, na praia urbana, os días 18 e 19 de xuño, e o 25 e 26 no porto de Ribadeo (zona da Confraría).
Últimas prazas
Todos os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico aínda poden inscribirse. Para elo, deberán chamar ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11. Tamén poderán facelo na propia localización das actividades, antes de comezar. Isto non garante que haxa vacantes. O pago das cotas de inscrición pódese efectuar previamente na conta bancaria de Banesto: 0030-7060-30-0298064273, co concepto Lugoteando, ou antes de cada actividade. Máis información en: www.deputacionlugo.org e en www.lugo.es. No caso dos menores de idade, deben presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.