Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga será o vicepresidente da Deputación que presidirá José Ramón Gómez Besteiro

Nota de prensa
Presentado o novo goberno e as áreas de xestión que distribuirán o traballo da Deputación nos próximos 4 anos

– PSOE e BNG renovaron un pacto de goberno, converténdose na primeira administración de Galicia que inclúe unha área de demografía nas súas políticas

– Antonio Veiga anuncia que ocupará o cargo de Vicepresidente 1º  e que o Deputado Mario Veiga será  o voceiro das competencias xestionadas polo BNG

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado provincial do BNG, Antonio Veiga, acompañados de representantes de ambos os dous partidos políticos que compoñen o equipo de goberno provincial presentaron este sábado o pacto de goberno e as áreas de xestión que distribuirán o traballo da Deputación durante os próximos catro anos. Partindo dun proxecto común en favor da provincia, PSOE e BNG renovaron un goberno no que se presta especial atención a un aspecto totalmente novidoso como é a demografía, de tal xeito que a institución luguesa se converte na primeira administración de Galicia que crea unha área específica. Gómez Besteiro subliñou que “esta semana centrámonos na toma de posesión da Corporación, peche do pacto político, deseño do programa de goberno e distribución orgánica, polo que a semana seguinte designaranse os portavoces na reunión dos grupos políticos e identificarse as persoas que xestionarán as diferentes áreas”.

A este respecto, destacou que o pacto de goberno prodúcese logo de que “as votacións locais do 22 de maio expresaron unha vontade maioritaria que apoia o cambio iniciado en 2007 na provincia e revalida a súa confianza no goberno da Deputación como un bo mecanismo para dar resposta ós problemas dos veciños e dos Concellos de Lugo”.

Políticas aperturistas

Os representantes das dúas forzas políticas, que coincidiron en sinalar que non foi complicado pechar o pacto -tan só fixeron falta 4 reunións-, deron a coñecer as áreas de xestión nos xardíns da Deputación, un lugar que simboliza, “como goberno progresista que somos, a recuperación do público. Recuperamos un espazo de uso case privativo para abrilo á cidadanía nos próximos 20 días, pasando a parte de atrás a ser a de diante para desfrute dos cidadáns”.

A este respecto, Antonio Veiga subliñou que “este é un contorno marabilloso ó igual que pode ser a Mariña ou a Ribeira Sacra. É un exemplo da reedición dun goberno de coalición, que foi viable, eficaz, eficiente e que foi bo para os veciños de Lugo. Estes xardíns son un símbolo de apertura do que foi un coto privado”. Fronte á ineficacia dos bipartitos manifestada polos representantes do Partido Popular, Veiga engadiu: “temos claro o papel que temos que xogar os dous grupos sobre esta institución. Benvidos agora a outros a esta reflexión. Nos próximos catro anos o contexto social, económico e político cambiou, polo que imos ter que facer un esforzo moito máis grande”.

Novas necesidades, novas áreas

O novo goberno proseguirá desenvolvendo as políticas iniciadas no anterior mandato pero, sobre todo, dando resposta ós novos retos que afronta a provincia, “polo que a confianza renovada para a cidadanía no contexto actual fai que a esixencia sexa maior para todos nós no novo mandato 2011-2015”, indicou o Presidente. As áreas non aumentan, seguirán sendo oito -6 do PSOE e 2 do BNG como en 2007-, pero con destacadas innovacións.

Antonio Veiga anunciou que ocupará o cargo de Vicepresidente 1º  e que o Deputado Mario Veiga será o voceiro do seu partido político, ó tempo que sinalou que “nos vindeiros catro anos seguirase democratizando a institución coa participación de todos os grupos políticos e saldaranse outras débedas históricas como analizar a viabilidade da creación da Autoridade Portuaria de Lugo, así como a apertura ó tráfico do dique norte do porto de San Cibrao ou reclamar a posta en servizo da autovía Ferrol-Barreiros, así como normalizar o uso do galego en todas as políticas da institución”.

Ademais da Presidencia, que a maiores das competencias sobradamente coñecidas, comprende responsabilidades como: a Oficina de Planificación estratéxica (execución do 1º Plan Estratéxico Provincial, unidade de proxectos, etc); Comunicación; Atención ó cidadán; Protocolo; Parque Móbil; dirección da Fundación TIC e as accións coa comunidade exterior, existirán as seguintes áreas, que experimentan unha profunda renovación:

1.- Área de Emprego, Economía Sostible e Demografía. Besteiro destacou que a Deputación de Lugo foi pioneira, rompendo o silencio administrativo sobre a cuestión demográfica –o maior problema que ten Lugo- e dando lugar, ademais do seu debate e difusión, a que outras administracións, como a Federación Galega de Municipios e Provincia (FEGAMP) anunciara a creación dunha comisión específica para frear o despoboamento demográfico. “E ademais a FEMP identificou 3 estratexias como clave fronte o despoboamento: a potenciación da economía vinculada ó medio ambiente, a extensión da administración electrónica e a creación de emprego. Por iso, a Economía Sostible irá da man da Demografía nesta nova área, unha das de maior envergadura na Deputación”, destacou o Presidente.

A área dividirase en:

a) Medio Ambiente e Enerxías renovables (comercialización de productos autóctonos, Axencia provincial da enerxía, etc).

b) Economía do coñecemento, emprendedores e innovación (administración electrónica, centros como o de Innovación Social, a oficina de asesoramento ós emprendedores, etc).

c) Economía Rural e do Mar (Granxa Gayoso Castro, liñas de colaboración co medio rural e mariño, etc).

2ª.- Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos

Columna vertebral do traballo da Deputación. Profundizará nas liñas iniciadas no anterior mandato que ademais aforraron cantidades contiosas ós municipios.

3ª.- Economía, Recadación e Facenda

Recadación cambia neste mandato de Cooperación cos Concellos para Economía e Facenda, por motivos de eficiencia e racionalización.

4ª.- Goberno interior

O antigo concepto de Recursos Humanos da un salto cara un novo concepto: o de goberno interior.

5ª.- Xestión Territorial

Tamén o antigo departamento de Obras e Infraestruturas da un salto cualitativo cara a xestión territorial, un concepto máis completo

6ª.- Deseño e Artesanía (CENTRAD). Anteriormente dependente do INLUDES, asume e amplía a súa parte de Deseño.

7ª.- Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, que xestionará Mario Outeiro.

8ª.- Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mociedade, que dirixirá Antonio Veiga.

………………………

ACORDO ENTRE  PSdeG-PSOE  E  BNG PARA O GOBERNO DA DEPUTACIÓN DE LUGO

As votacións locais do 22 de maio expresaron unha vontade maioritaria da cidadanía que apoia o cambio iniciado hai catro anos na provincia e revalida a súa confianza no goberno progresista da Deputación que, partindo do acervo doutrinal do PSOE e do BNG, dé resposta aos problemas dos veciños e veciñas dos Concellos de Lugo.

Respectando os resultados electorais e compartindo un proxecto común en favor do desenvolvemento provincial, Partido Socialista de Galicia-PSOE e Bloque Nacionalista Galego expresan a súa vontade de renovar un goberno no que:

a) A asistencia, cooperación e colaboración cos Concellos reafírmase como a competencia nuclear, presidida polo mutuo recoñecemento entre iguais, garantindo que a autonomía municipal sexa realmente efectiva. O goberno provincial artículase como o eixo vertebrador da intermunicipalidade dentro dun sistema racional e eficiente que procura prestar en rede os mellores servizos á cidadanía a un menor custe.

b) Os socialistas e nacionalistas, se ben somos conscientes de que a solución da crise económica, así como a súa consecuencia máis dramática, o paro, escapan ao ámbito competencial do ente provincial e dos Concellos, entendemos que amortiguar os seus efectos, así como apostar por unha xestión social da mesma, debe ser un compromiso conxunto das Administracións.

Durante os últimos catro anos a Deputación de Lugo mantivo un elevado nivel de eficacia, saldando as débedas históricas que lastraban o crecemento municipal pero establecendo as bases das novas políticas, cumprindo na súa totalidade o programa de goberno e, ao mesmo tempo, sabendo responder ás novas demandas e retos provinciais.

A experiencia política destes catro anos, alén de servir para poñer en valor a cultura do diálogo e do consenso na vida pública, acreditaron que con vontade outras políticas son posibles, primando o aspecto transformador das mesmas sobre a realidade social, destacando o aspecto ético na xestión do público, garantindo a participación á sociedade civil na práctica do goberno e dando resposta eficaz ás diferentes problemáticas da cidadanía.

Xa que logo socialistas e nacionalistas apostamos por reeditar un goberno na Deputación de Lugo que siga a desenvolver os proxectos iniciados no anterior mandato pero, sobre todo, que dé resposta aos novos retos que enfronta esta provincia desde unha acción de goberno rigorosa, transparente e orientada ás necesidades das maiorías sociais. A confianza renovada pola cidadanía no contexto actual fai, aínda máis se cabe, que a esixencia sexa maior para todos nós no novo mandato 2011-2015.

Respectuosos con esa vontade cidadá, o Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego expresan a súa vontade compartida de:

1º.- Impulsar a organización administrativa do territorio galego, baseada en Concellos, comarcas e áreas metropolitanas

2º.- Afianzar o principio de cooperación interinstitucional co obxectivo de garantir a prestación dun mínimo de servizos públicos comúns homoxéneos en toda a provincia, e de realizar un aproveitamento e administración máis eficaz dos recursos públicos.

3º.- Garantir os principios da ética e a transparencia na gobernación pública da institución provincial.

Compromisos programáticos

En aplicación dos principios devanditos, Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego traballarán, nos diferentes ámbitos de actuación política, por:

Ratificar como prioridade máxima na acción política da Deputación de Lugo a cooperación e asistencia aos concellos a través de accións en rede, primando todas aquelas iniciativas que faciliten a creación de emprego e eviten o despoboamento demográfico.

Como por exemplo, a rede provincial de residencias e centros de día para a terceira idade onde a participación do Goberno Galego será imprescindible na concertación de prazas para ofertar prezos accesibles aos usuarios; a e-administración; a rede provincial de infraestruturas deportivas que asegura servizos de calidade e aforra recursos aos Concellos, etc.

Debido ao alarmante descenso dos fondos municipais e á merma dos servizos públicos que afectan á cidadanía, a Deputación afondará dende todas as áreas nas liñas de cooperación e asistencia, priorizando as definidas no primeiro Plan Estratéxico Provincial; e cunha distribución dos recursos actuais, plans de cooperación de Obras e Servizos, mediante criterios obxectivos (cota fixa, esforzo fiscal, número parroquias, poboación e crise demográfica, superficie…) con protagonismo na contratación e dirección por parte dos Concellos.

O desequilibrio máis doloroso, desde o punto de vista humano, é, sen dúbida, o paro, que ataca ás raíces máis profundas das persoas e das familias, debilita a confianza e leva a cuestionar a solidariedade social. Sen tentar disimular a súa rudeza co termo menos agresivo, “desemprego”, o noso deber é contribuír desde a institución provincial e utilizar todos e cada un os instrumentos dispoñibles en prol da creación e mantemento dos postos de traballo.

A Deputación apoiará ao conxunto dos sectores económicos da provincia, favorecendo fórmulas que permitan garantir a viabilidade e o futuro das mesmas, nun contexto económico como o actual. Apostará polo sector público como axente fundamental na dinamización económica, entendida esta como a capacidade dunha economía para crear emprego.

Posto en marcha o Consorcio Provincial contraincendios da provincia que saldou unha das débedas históricas que lastraba a seguridade nos municipios, a Deputación co-financiará coa Xunta de Galicia a cobertura do 100% do territorio.

Dado que a Deputación vese obrigada a soster a rede provincial de estradas máis ampla do Estado, é imprescindible completar o proceso de transferencias coa Xunta de Galicia e os Concellos, regulando as casuísticas obsoletas e actualizando a titularidade das Administracións sobre as estradas na provincia.

O Goberno provincial tamén instará ás Administracións competentes a completar o mapa de estradas que garantan a mobilidade provincial presente e futura: A8, autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense, desdobramento do corredor Nadela-Monforte e posta en servizo da autovía Ferrol-Barreiros.

Abrir un proceso de dialogo cas diferentes  administracions para analizar a viabilidade da creación da Autoridade Portuaria en Lugo, así como a apertura, ó tráfico comercial en xeral, do dique norte do porto de San Cibrao ou a súa cesión á Xunta de Galicia como porto de interese.

Promover un plan de viabilidade para o edificio do antigo hospital San José,de acordo co Concello de Lugo, unha vez que sexa definitivamente desaloxado polo SERGAS, e instar ao Goberno Galego á financiar o seu compromiso de manter novos servizos sociosanitarios no hospital psiquiátrico de Castro cedendo para tal fin a sus instalacionns.

Crear emprego a través da educación. Potenciar o Campus Universitario de Lugo, co-financiando a súa ampliación. Consolidar a Universidade Nacional de Educación a Distancia no parque do Miño como centro referente no noroeste peninsular -evitando que a mocidade lucense teña que marchar fóra da provincia para estudar-, así como o co-financiamento dos centros da UNED existentes anteriormente: Monforte, Viveiro e Foz. Apoiar economicamente ós Conservatorios de Música de grao medio e demandar á Xunta de Galicia que se integren na rede pública de centros autonómicos.

A Deputación, dende diferentes áreas de actuación, tamén incrementará  as bolsas que permiten a inserción laboral.

Apoiar ao sector agropecuario para incrementar a súa produtividade e beneficio, establecendo redes de servizos que diminúan os custes e melloren a calidade de vida, garantindo a súa permanencia no rural.

Continuar apoiando ó  tecido asociativo provincial -baixo criterios obxectivos, transparentes e democráticos-, con fin de que sigan a desenvolver unha programación propia que poña en valor os recursos da provincia. Articular novas medidas que favorezan a integración daqueles colectivos con máis risco de exclusión social, a comezar polos desempregados, polos maiores e a mocidade; e manter o gasto social, co fin de evitar que medren as desigualdades sociais.

E proseguir apoiando dun xeito incondicional ao tecido cultural galego (literatura, música, arte…), as expresións creativas e ao deporte de base.

Conseguir a declaración oficial dos Camiños de Inverno e do Mar como rutas xacobeas, así como a elaboración dun plan integral con todas as variantes do Camiño na provincia de Lugo, instando ás Administracións correspondentes a facelo e a poñelas en valor como porta de entrada do 90% dos peregrinos a Galicia, constituíndo unha oportunidade económica de primeira magnitude.

Promover a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, rendibilizando e impulsando economicamente, sempre baixo criterios de sustentabilidade, unha das áreas máis castigadas polo despoboamento demográfico.

A creación da empresa provincial de turismo. Promoverá e fará rendibles os recursos, coordinando os sectores público-privado nun ente único que evite a duplicidade de servizos e racionalice o investimento global.

Manter a sustentabilidade económica da Deputación, a capacidade de financiar compromisos presentes e futuros con contas saneadas e equilibradas. A simplificación do sistema administrativo traducirase nunha redución de asesores dos grupos políticos.

Crear unha central de compras na Deputación e xeneralizar os acordos marco como fórmula de continuar na racionalización e optimización do gasto público en obras, subministros e servizos.

Continuar no cumprimento da utilización do galego na Deputación, respectando o Plano Xeral de Normalización Lingüística e a Lei de Normalización Lingüística.

Implementar novos mecanismos que faciliten a participación da cidadanía na vida pública, achegando a institución á sociedade e creando espazos de control por parte da Deputación.

Aspectos organizativos

A Deputación de Lugo, durante os últimos catro anos co goberno de coalición PSdeG-PSOE e BNG, mantivo un alto nivel de eficacia e unha administración austera e de axeitada resposta ás demandas provinciais.

Por tanto, sendo acertada a organización acadada hai catro anos, que permitiu a colaboración en rede cos Concellos e conseguiu un grao de cumprimento do acordo do pacto óptimo -dando resposta ás demandas históricas dos Concellos (canon hidroeléctrico, parques de bombeiros, transferencia de hospitais, creación da UNED en Lugo, etc.) e a resolución de conflitos enquistados durante anos con outras administracións-, propomos unha estrutura que permita conformar unha maioría de goberno que garanta a aplicación dos principios anteriormente citados, polo que o Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego ACORDAN formar un goberno de coalición na Deputación Provincial de Lugo, cos seguintes criterios:

A Presidencia recaerá  nun deputado do PSdeG-PSOE

A Vicepresidencia 1º  recaerá nun deputado do BNG e a Vicepresidencia 2º nun deputado/a do PSdeG-PSOE.

A Xunta Local de Goberno estará composta polo Presidente, 2 Vicepresidentes (con delegación de área) e 6 Delegados/as de área. Tratará e resolverá por consenso tódolos asuntos políticos antes da súa xestión, ou de ser elevados ó Pleno da Corporación.

Haberá oito áreas de xestión delegadas:
Emprego, Economía Sostible e Demografía  PSdeG-PSOE
Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade BNG
Cooperación e Asistencia ós Concellos   PSdeG-PSOE
Economía, Recadación e Facenda    PSdeG-PSOE
Xestión territorial      PSdeG-PSOE
Cultura, Turismo, Patrimonio Histórico, Ensino

e Normalización Lingüística,     BNG

Deseño e Artesanía      PSdeG-PSOE
Goberno Interior      PSdeG-PSOE

A Presidencia  exercerá  a dirección dos Servizos de Protocolo, Comunicación Social, Administración Electrónica, TICs, Control presupostario e o Parque Móbil.

Os diferentes centros e/ou unidades adscribiranse ás Delegacións :
Promoción Económica e Emprego:

o Centro de Artesanía

a Granxa Gayoso Castro

Cultura, Deportes, Educación e N. Lingüística:

a Rede de Museos (Museo Provincial de Lugo, Museo do Pazo de Tor, Museo do Mar e San Paio de Narla)

Urbanismo e Medio Ambiente

As instalacións e as propiedades adscritas, no seu dia, o extinto Centro Cinexético Pazo de Tor

Os tres grupos políticos contarán con local e medios técnicos, económicos e humanos para desenvolver o seu traballo.

A Xunta de Voceiros reunirase coa periodicidade indicada polo novo Regulamento da Deputación.

O Consello de Administración do INLUDES estará formado polo Presidente, Vicepresidente 1º, 4 deputados/as do PSdeG-PSOE, 1 deputado/a do BNG, 1 deputado/a do PP e 6 membros de libre elección. Serán nomeados pola Xunta Local de Goberno, a proposta do Presidente, e ratificados polo Pleno.

O Consello de Administración de SUPLUSA estará formado polo Presidente, O Vicepresidente 1º, 4 deputados/as do PSdeG-PSOE, 1 deputado do BNG e 2 deputado/a do PP. Serán nomeados pola Xunta Local de Goberno, a proposta do Presidente, e ratificados polo Pleno.

O Padroado da Fundación TIC estará formado polo Presidente, 2 deputados/as do PSdeG-PSOE, 1 deputado/a do BNG e 1 deputado/a do PP e 2 membros de libre elección. Serán nomeados pola Xunta Local de Goberno, a proposta do Presidente, e ratificados polo Pleno.

A Empresa pública de Turismo, participada pola Deputación, contará nos seus órganos con representación dos diferentes grupos da Corporación Provincial.

Seguimento dos acordos

No ámbito da Deputación de Lugo constituirase unha comisión paritaria para concretar e desenvolver a aplicación deste acordo.

Asinado en Lugo, 25 de xuño, 2011

Exit mobile version