Nota de prensa:
UN ALCALDE CON DEDICACIÓN EXCLUSIVA PARA VIAXAR
En Burela imos ter o “privilexio” de ter un Alcalde con dedicación exclusiva de 47.000 € ao ano para viaxar.
Esta é a conclusión á que chegamos despois do Pleno celebrado o pasado martes e despois de escoitar as explicacións do Alcalde, o sr. Barcia, sobre as dedicacións exclusivas que se fixaron no Pleno.
Asistimos neste Pleno á primeira mostra de como vai ser o funcionamento do novo grupo de goberno do PP. E este funcionamento artéllase da seguinte maneira:
por un lado o Alcalde, que vai cobrar 47.000 € ao ano por ser só iso, Alcalde, non vai ter ningunha área de goberno baixo a súa responsabilidade. Esta mesma cantidade xa a cobraba o sr. Barcia no ano 2005 cando chegou a Alcalde de repente ao renunciar o anterior rexedor, pero cobraba iso por ser Alcalde e tamén responsable de certas áreas do goberno municipal. Pero agora non, agora, preguntado no Pleno polos motivos da súa dedicación exclusiva de 47.000 € ao ano, respondeu que se ía dedicar a xestionar e viaxar ás distintas institucións (previo cobro, por suposto, das correspondentes dietas) para traer cousas para Burela. Pois iso, imos pagarlle 47.000 € ao ano ao Alcalde por viaxar. Xa faremos ao final do ano balance desas viaxes do Alcalde para saber os resultados da súa dedicación “exclusiva”.
e por outro lado, teremos dous concelleiros máis con dedicación exclusiva que van cobrar case 40.000 € ao ano entre os dous.
Moito se lle enchía a boca ao sr. Barcia no Pleno dicindo que con este organigrama baixaran nun 7% o groso dos salarios con estas tres dedicacións exclusivas. O que non dixo o Alcalde é que, coas cotizacións á Seguridade Social destas dedicacións exclusivas (que van ser bastante superiores ás da anterior corporación), vaise o comido polo servido e o aforro non vai ser tal e como el o vendeu.
E falando de aforro, este foi tamén o argumento esgrimido para pasar dos plenos mensuais, como tiñamos na anterior corporación, a plenos cada dous meses como imos ter agora. Pero, o sr. Barcia non é a persoa máis indicada para falar de aforro neste tema porque el é o “Alcalde dos Plenos extraordinarios” (entre os anos 2005 e 2007, na súa anterior época como Alcalde, fixo 11 plenos extraordinarios en dous anos) e moito nos tememos que tamén neste tema o aforro tan cacarexado non vai ser tal.
Pero, ben, xa veremos como van discorrendo as cousas, xa veremos se aforramos tantos cartos coma di o Alcalde nos soldos dos concelleiros, xa veremos se a súa xestión como Alcalde dá os froitos agardados para os 47.000 € que vai cobrar. E xa veremos se os “recortes” reais e efectivos (non estes dos soldos que non van ser tales) si van ser noutros servizos e prestacións sociais que afectan aos veciños e veciñas de Burela.