Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberta a exposición con traballos realizados no centro sociocultural de Mondoñedo

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS INAUGURA A EXPOSICIÓN COS TRABALLOS REALIZADOS ESTE ANO POLOS USUARIOS DO CENTRO SOCIOCOMUNITARIO DE MONDOÑEDO

A delegada territorial gabou o dinamismo desta entidade, pola que pasan arredor de 2.000 usuarios cada ano

Lugo, 16 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, inaugurou hoxe a exposición que mostra unha escolma dos traballos realizados por usuarios e usuarias do centro sociocultural de Mondoñedo durante o último ano.

A exposición, que permanecerá aberta ata o día 30, está conformada basicamente por obras realizadas nos distintos obradoiros de repuxado, encaixe, pintura ou tapizados, aínda que tamén hai referencia ás abundantes actividades que organiza o centro, como excursións, celebración de distintos eventos –antroido, campionato de tute…- ou cursos.

A delegada gabou o dinamismo que amosa o centro sociocultural de Mondoñedo, polo que pasan cada ano arredor de 2.000 usuarios, ben para participar nalgunha das actividades programadas ou ben para realizar consultas á traballadora social ou mesmo para pasar un rato de lecer na cafetería.

Arias referiuse en concreto ao importante labor que desenvolven no eido da saúde, convocando obradoiros de memoria, podoloxía, fisioterapia ou ximnasia de mantemento. Algunhas destas iniciativas teñen lugar fóra do centro, como a actividade de natación que se realiza na piscina cuberta de Foz.

A delegada lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar ten na provincia de Lugo outros tres centros sociocomunitarios das mesmas características, en Ribadeo, Vilalba, e no barrio da Milagrosa, na capital.

Todas elas son entidades prestadoras de servizos sociais, “abertas á comunidade con carácter xeral e involucradas na mellora do entorno ao que pertencen -subliñou Arias- como demostra a implicación dos veciños e veciñas a título individual e mesmo a colaboración con outras asociacións ou entidades da zona”

En xeral, os centros socioculturais da Consellería organizan actividades de carácter cultural, lúdico, turísticas, deportivas e de promoción da autonomía persoal, principalmente.

Exit mobile version