Nota de prensa:
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dito trámite, incluído no procedemento de avaliación ambiental estratéxica
A Xunta emite a memoria ambiental do Plan Sectorial de Barreiros para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria deste concello
O plan sectorial ten como obxectivo superar os déficits en servizos imprescindibles en catro dos núcleos urbanos de Barreiros como son San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante.
Santiago, 28 de xuño de 2011.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a memoria ambiental do “Plan sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros”. O plan sectorial ten como obxectivo fundamental paliar os déficits detectados en servizos imprescindibles en catro dos núcleos urbanos de Barreiros como son San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante, para elo prevé una serie de actuacións para a mellora e ampliación de ditas infraestruturas.
O desenvolvemento do plan parte da sinatura dun Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Organismo Autónomo de Augas de Galicia, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, a Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros.
A memoria ambiental considera axeitado o estudo levado a cabo da contorna, onde se identifican os elementos naturais que van a condicionar as futuras actuacións que se van a desenvolver a través dos correspondentes proxectos sectoriais. Para o plan de seguimento relaciónanse unha serie de indicadores por variables e establécese a periodicidade para a súa medición
Criterios de sustentabilidade
Así mesmo, indícanse determinados condicionados que deberán incorporar os proxectos sectoriais que o desenvolvan, a fin de poder considerar plenamente integrados os criterios de sustentabilidade derivados do procedemento de avaliación ambiental estratéxica.
Na memoria medioambiental destácase a importancia de axustar as actuacións á humanización dos núcleos nos que se vai a intervir, mediante a creación de carris-bici, ou sendas peonís, entre outras medidas.
A memoria ambiental pódese consultar no seguinte enderezo da internet: http://aae.medioambiente.xunta.es.
A realidade de Barreiros foi unha situación con que se atopou o actual Goberno, pero da que xa era coñecedora o Goberno anterior, que iniciou os primeiros pasos coa elaboración dun convenio que ía na mesma dirección que o que promoveu este Goberno.
O Executivo autonómico seguirá a colaborar cos concellos na resolución das súas necesidades e problemas máis urxentes, sempre dentro da legalidade e do respecto á normativa que en cada momento sexa de aplicación.