Nota de prensa
RAQUEL ARIAS REUNIUSE CO NOVO PRESIDENTE DOS INSTALADORES ELÉCTRICISTAS PARA COÑECER AS PRINCIPAIS DEMANDAS DO SECTOR
A delegada subliñou o interese da Xunta en avanzar na administración electrónica para facilitar a tramitación de determinadas xestións aos profesionais do sector
Lugo, 20 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantivo unha xuntanza co novo presidente da Asociación de Instaladores Electricistas (APIEL), Ramón Campos Rodríguez, que se fixo cargo desta entidade que agrupa a 130 asociados na provincia de Lugo.
A delegada puido así coñecer de primeira man a situación actual do sector, cales son os proxectos en marcha e as súas principais demandas, en especial no que se refire á actividade relacionada coa Xunta de Galicia.
Deste xeito, a Federación Galega de Instaladores Electricistas, da que é vicepresidente o propio Campos Rodríguez, e a Consellería de Economía e Industria estudan a posibilidade de realizar de xeito telemático determinados trámites administrativos que obrigan aos profesionais do sector a desprazarse ata as oficinas da Xunta. Ademais, a Federación pretende que as propias asociacións provinciais poidan cumprimentar eses trámites en nome dos asociados.
A delegada territorial sinalou o interese da Xunta en avanzar no emprego da administración electrónica para facilitar a realización de determinadas xestións aos cidadáns en xeral e ás empresas en particular. Este proceso, subliñou, “será tanto máis eficiente canto máis contemos coas suxestións e a implicación dos sectores implicados segundo o tipo de procedemento”.
Así mesmo, Arias asegurou que valorará a proposta de APIEL para colaborar na creación dunha páxina web que sexa un referente para o sector, de forma que se converta nunha ferramenta útil para estar informados tanto das novas relacionadas coa profesión como de bolsas de traballo e outras cuestións de interese.
Esta nova web podería habilitar tamén un servizo de compravenda de material a través de internet, orientado especialmente ao aproveitamento dos excedentes de obras. Ao mesmo tempo, serviría como escaparate dende o que as empresas e autónomos do sector puideran ofrecer os seus servizos.
A delegada comprometeuse a valorar estas e outras propostas apuntadas polo presidente da asociación, como a posibilidade de outorgar un certificado de calidade relacionado co cumprimento de determinadas obrigas.
Ao mesmo tempo, fixo referencia á recente publicación por parte do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) dunha guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais dirixida a electricistas e instaladores, da cal xa se distribuíron 450 exemplares entre os profesionais da provincia de Lugo.