A CIG ENSINO CRITICA A SUPRESIÓN POR PARTE DA XUNTA DO CICLO SUPERIOR DE COCIÑA NO IES DE FOZ
Segundo a CIG, esto supón un novo ataque ao ensino público na Mariña
Ribadeo, 13 de xuño de 2011.- A CIG-Ensino denuncia os recortes que a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza pretende aplicar para o curso 2011-12 nos ciclos formativos de Formación Profesional no IES de Foz e que supón a desaparición do Ciclo Superior de Restauración de Cociña. Este recorte súmase aos feitos xa o ano pasado neste e noutros centros da Mariña, cando eliminou tamén neste centro o Ciclo Superior de Aplicacións Informáticas e a modalidade presencial no ensino de Adultos. Estes novos recortes van a traer como consecuencia que moitos alumnos non teñan a posibilidade de matricularse nos estudos que querían facer, así como a supresión de máis prazas de profesorado.
En primeiro lugar, A CIG ten que manifestar a súa rotunda reprobación ás formas autoritarias nas que se tomou esta decisión sen previa información e consulta cos centros de ensino afectados e á marxe da Mesa Sectorial e da representación sindical do profesorado.
A supresión deste ciclo supón que o IES de Foz sexa o único da Comarca que queda sen ningún ciclo superior de formación profesional así como ser o único centro de Galiza onde se imparten os estudos de cociña que queda sen ciclo superior. A maiores a decisión da Consellaría é inxustificable dado que non existe ningún argumento obxectivo para eliminar este ciclo posto que o ano pasado eran trece os alumnos/as matriculados cando o mínimo esixible é de oito alumnos. Ademais o informe da inspección educativa era favorable para que se mantivera o ciclo.
O IES de Foz é un referente en toda Galiza na formación no ámbito da hostalería. Por este motivo aínda é máis sorprendente que por unha decisión unilateral e inxustificada deixe de impartir ditos estudos cando ademais supón a saída profesional para moitos xoves nun momento de dificultade para atopar emprego sen a suficiente cualificación.
Para a CIG-Ensino esta decisión, xunto a outras no mesmo sentido que a Consellaría está a tomar como a eliminación do centro de formación do profesorado (Cefore) ou da eliminación do ensino de adultos, supón un agravio comparativo entre ámbito rural e o urbano e unha centralización da oferta educativa que imposibilitará de feito que moitos alumnos/as da Mariña poidan cursar os estudos que desexan ou ter que desprazarse a máis de cen quilómetros para poder cursalos.
Por todas estas consideracións, a CIG-Ensino esixe da Consellaría que se manteña o Ciclo Superior de Restauración no IES de Foz polo menos ata saber se realmente existe suficiente alumnado unha vez que se abra a matrícula e que se convoque urxentemente a Mesa Sectorial para consensuar toda a oferta educativa do curso vindeiro.