Nota de prensa:
MAÑÁ DA COMEZO A ESCOLA DE SURF QUE ORGANIZA A DELEGACIÓN DE DEPORTES.
Ribadeo, 31 de maio de 2011. Os interesados en anotarse nas escolas deportivas de verán que organiza o Concello de Ribadeo para os rapaces nados entre 1997 e 2003, aínda poden facelo na oficina da OMIX no auditorio municipal ou chamando ao teléfono 982 120 808.
Neste 2011 haberá pesca deportiva, vela, surf, kite surf e piragüismo. O prazo de matrícula estará aberto ata o inicio da escola ou fin de prazas. Segundo apuntan desde o Concello “en todas as escolas con límite de prazas teñen preferencia os rapaces empadroados en Ribadeo. O pagamento da taxa (32,66 euros cota total) deberá facerse efectivo na conta corrente do Concello no Banco Gallego antes do comezo da escola. O resgardo debidamente cumprimentado será entregado na oficina de información xuvenil (OMIX). A falta do ingreso implicará a baixa na/s escola/s”.
A escola de pesca de deportiva desenvolveráse no mes de xullo do 4 ao 30, os luns, mércores e sábados en horario de 10 a 14 horas. Para esta actividade hai 15 prazas. A escola de vela, que xa deu comezo desenvóvese desde o pasado do 14 de maio ao 23 de xullo os sábados de 10 a 14 horas ou de 16 a 20 horas. Para esta actividade tamén hai 15 prazas. A escola de surf, que se inicia mañá, en xuño será os martes, mércores e xoves e en xullo os días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de 16 a 18 horas. Neste caso hai 20 prazas ao igual que para escola de piragüismo que se desenvolverá en xullo e agosto os luns e mércores de 16:30 a 19 horas.