Nota de prensa
HOXE TIVO LUGAR NO MONTE ESCARABELADA A PLANTACIÓN DE MÁIS DE 3.500 ÁRBORES AUCTÓCTONAS
A actividade estaba organizada polo Concellod e Cervo, a Consellería de Medio Ambiente e os colectivos “A Sombriza” e “Dobre Espacio”
Os organizadores convidaron a todos os escolares do municipio e á xente en xeral a participar nesta repoboación deste monte encadrado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos
Cervo, 7 de maio de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, responsables da consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e membros das asociacións “A Sombriza” e “Dobre Espacio” asistiron esta mañá ó monte Escarabelada (Sargadelos) para comprobar os traballos de reforestación con especies autóctonas que se están a acometer esta mañá neste monte de propiedade municipal situado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.
A superficie onde se está a facer devandita repoboación abarca unhas 6 hectáreas aproximadamente e nela está previsto que planten entre 3.500 e 4.000 árbores autóctonas como carballo, abeleira, freixo, pradairo, espiño albar, loureiro, erbedeiro, tezo, acivro,rebolo, carballo albar, sobreira, olmeiro, cerdeira silvestre, castaño, bidueiro, aliso, salgueiros, arraclán e faia.
Participación popular
Nos traballos participaron membros da asociación “A Sombriza”, do colectivo Xuvenil “Dobre Espacio”, así como outros colectivos locais e voluntarios. Así mesmo, dende a organización convidouse tamén a tódolos escolares do municipio a participar nesta actividade.
Ata o de agora, esta zona do monte Escarabelada atópase adicada a uso forestal cunha plantación monoespecifica de eucaliptos. O obxecto desta actuación é lograr mediante unha repoboación protectora un triplo obxectivo: devolver o espazo a un estado parecido ao orixinal, conducir a paisaxe a un novo nivel funcional de máis calidade que o presente e volver pór en valor unha zona que perdeu a súa capacidade
Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, esta repoboación permitirá recuperar o antigo bosque atlántico característico da Mariña luguesa. “Pretendemos que esta nova área se una á xa existente que temos e deste xeito converter toda esta extensión nunha gran aula verde coas súas respectivas sendas botánicas” sinalou.
“Esta actuación vai no camiño da protección e preservación do noso hábitat natural e tamén na recuperación e revalorización do noso monte” sinalou Villares; ao tempo que lembrou que este proxecto é un paso máis dentro da política medioambiental levada a cabo nos últimos polo grupo de Goberno e nos que cabe salientar actuacións coma a senda botánica feita hai uns 5 anos nunha pequena área deste mesmo monte ou a recente colaboración coa asociación de montes en man común de Cervo para a recuperación do monte da Bidueira