Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentan en Burela a XIV edición de Expomar que se celebra do 19 ao 22 de maio

Nota de prensa

MAÑÁ TERÁ LUGAR A PRESENTACIÓN EN BURELA DA XIV EDICIÓN DE EXPOMAR. SERÁ NO SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO A PARTIRES DAS 12:15 HORAS.

Burela, 12 de maio de 2011. Mañá terá lugar a presentación en Burela da XIV edición de Expomar. Será no salón de plenos do Concello a partires das 12:15 horas.

O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, sinalou que “despois de presentar a en Santiago hai uns días, agora daremos a coñecer en Burela o programa de todas as actividades que se desenvolverán do 19 ao 22 de maio. Será mañá venres ás 12:15 horas no salón de plenos do Concello”.

Llano considera que “esta feira será unha oportunidade para visitar o noso concello e para promocionar o sector pesqueiro e do mar. O que queremos é que a xente que estea interesada se achegue aquí a Burela eses días. Agora temos completamente cubertos os 3.000 metros cadrados da nave de redes, hai 100 expositores e aínda quedaron algúns fora por falla de espacio. É moi importante que, a pesares da crise, a xente vinculada ao mar siga a acudir a esta feira que é un referente claro en todo o litoral”.

O rexedor engadiu que “mañá presentaremos tamén aos ponentes que participarán tanto nos encontros empresariais coma nas xornadas técnicas que se desenvolverán os días 19 e 20 paralelamente a Expomar. Os que o desexen poden acudir mañá venres no salón de plenos do Concello a esta presentación da XIV feira monográfica náutico pesqueira Expomar 2011”.

A feira Expomar terá lugar do 19 ao 22 de maio na nave de redes en Burela. Será inaugurada o vindeiro xoves ás 12 da mañá pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a clausura está prevista para o 22 de maio, tamén ás doce, e correrá a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

Prazas de aparcamento

Por outra banda, o alcalde de Burela, Alfredo Llano contou que “estábamos traballando duramente en dous solares para crear prazas de aparcamento nas inmediacións do Hospital da Costa, a máquina estropeóuse, pero desde onte estamos alí de novo. O solar que está enfrente dos colexios e da gardería estáse a rematar, nel poderánse aparcar arredor de 150 coches ou máis e por enriba do hospital tamén habilitaremos unha zona para que poidan estacionar uns 50 ou 60 coches, o que quere decir que entre os dous terrenos crearemos unhas 200 prazas de aparcamento”. O rexedor dixo que “agora haberá que cubrilos con pedra, grava ou asfalto, cando estean listos esa zona gañará moito e evitará este problema tan importante que se sofre cada vez que un vai facer unha consulta ao hospital. Alí tamén están os institutos e os colexios, algo que condiciona os aparcamentos, pero así pensamos que será moito máis fluido e teremos menos problemas”.

Exit mobile version