“Se no PP tiveran vergoña cando menos prescindiría de catro candidatos a Alcaldía”,afirman os nacionalistas.
Veiga afirma que os imputados e a corrupción están nas listas do PP
O Bloque Nacionalista Galego quere saír ao paso dunha publicación anónima, aínda que co tufo inconfundíbel do PP, que se está a distribuír nos Concellos da Provincia e tamén nos da Mariña e que a Xunta Electoral de Lugo ven de declarar ilegal e polo tanto demandar a paralización do seu reparto.
“Non nos estraña o máis mínimo esta publicación porque forma parte do peculiar libro de estilo das campañas lixo que o PP acostuma a poñer en marcha, agora ben nos non imos permitir que os populares nos de leccións de bo goberno dos fondos públicos nin tampouco de ética e moito menos de legalidade” afirmou Veiga quen indicou que “ nos imos seguir a facendo unha campaña en positivo dando solucións e formulando propostas na contra do PP, unha forza política que se instala na lea e no follón”.
O Responsábel Comarcal do BNG afirmou que “ o mapa político da Mariña é outro ben distinto do que queren trazar os populares, é máis o mapa político das malas prácticas e dos imputados é un mapa que se fixa de Concello popular en Concello popular. Un mapa que podemos comezar en Trabada cun Alcalde, Xosé Manuel Yañez Ginzo, actualmente imputado, temos que seguilo polo Concello de Barreiros, cun alcalde habitual do Xulgado de Mondoñedo, e todo un exemplo do que son as malas prácticas urbanísticas. Un mapa que ten parada tamén en Cervo, onde o Alcalde, Alfonso Villares, se atopa tamén nunha situación procesual de imputado, que ten parada no Porto Deportivo de Viveiro, segundo se desprende da parte do sumario que coñecemos da “Operación Carioca” e que ten o seu remate no Concello do Vicedo”.
“ Non hai dúbida onde está imputados na Mariña, non hai dúbida onde están as ilegalidades na Mariña, nin tampouco cal é a forza política que acolle no seu seo e nas súas candidaturas as persoas que teñen problemas coa xustiza e que son os habituais dos Xulgados de Viveiro e Mondoñedo. Se falamos do PP non hai alfombras que destapar, posto que todo o que non debe existir na vida pública está ao descuberto” afirmou Veiga quen esixiu aos dirixentes populares a que se retraten do que recollen nesa publicación anónima . “ Se o PP tivese vergoña, isto é se aplicase un mínimo código ético, tería cando menos de prescindir de catro candidatos a Alcaldía na Comarca da Mariña e sería bo que nos explicase por que as súas listas son un escaparate de imputados e de habituais dos Xulgados da Comarca”, recalcou Veiga.
Antonio Veiga rematou afirmando que “nas listas do BNG non existen imputados, nin persoas con problemas xudiciais, nin tampouco con causas abertas. Onde están estes non hai dúbida algunha, nas listas do PP”.