Nota prensa
ARREDOR DE 4.500 PERSOAS VISITARON A DÉCIMO CUARTA EDICIÓN DE EXPOMAR, QUE SE DESENVOLVEU DO 19 AO 22 DE MAIO NA NAVE DE REDES. ALFREDO LLANO AMOSÓUSE MOI SATISFEITO POLO ÉXITO COLLEITADO.
Burela, 27 de maio de 2011. Arredor de 4.500 persoas visitaron a décimo cuarta edición de Expomar, que se desenvolveu do 19 ao 22 de maio na nave de redes no porto de Burela. O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, amosóuse moi satisfeito polo éxito colleitado.
Llano dixo que “foi un éxito, xa que certamente cando nos puxemos a organizar e a xestionar esta nova edición de Expomar tiñamos un pouco de medo a que dada a situación do país, a situación xeral non houbera suficientes expositores, pero foi todo o contrario. Na edición do 2009 houbo 98 expositores, este ano tivemos 100 e incluso houbo algún que quedou fora por falta de espacio ao ocupar os 3.000 metros cadrados da nave de redes”.
O rexedor subliñou que “os expositores quedaron moi contentos, a feria foi visitada por 2.100 profesionais e outras 1.700 persoas vinculadas ao sector náutico-pesqueiro, pódese falar de mariñeiros ou de xente interesada pola electrónica ou os propulsores, ademáis de por moitos veciños de Burela. O número total de visitas estivo arredor das 4.500 persoas, nos tres días fortes da feira que foron o xoves, o venres e o sábado, o domingo pola mañá xa tivo lugar a clausura”.
Alfredo Llano manifestou que “as firmas chegadas desde Corea quedaron de volver para a seguinte edición, viron que había posibilidades comerciais e profesionais e algún xa está interesado en ocupar máis espacio na vindeira edición de Expomar para traer máis cobertura a Burela e eso significa moitísimo. Tamén foron un éxito as xornadas técnicas e os encontros empresariais, que este ano tamén tiveron as súas preocupacións pola comercialización e a aplicación da normativa europea no sector, todos os temas tiveron moito seguimento e contaron con poñentes de grande experiencia e capacidade”.
O tamén presidente de Expomar engadiu que “a feira estivo á altura, é unha referencia clara no litoral Cantábrico e no norte de Portugal, é un evento que os profesionais valoran como referencia para os seus productos. A satisfacción é moi grande e estamos pendentes de ter aínda datos sobre as operación económicas e comerciais realizadas. Noraboa á Fundación Expomar e a Burela por acoller esta feira un ano máis”.