Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio denuncia que tan só 10 mulleres encabeza candidaturas nos concellos mariñás

Nota de prensa

O Observatorio denuncia que tan só 10 mulleres encabeza candidaturas nos concellos mariñás, dun total de 56 persoas que optan á alcaldía nas eleccións municipais deste domingo

Este 17,8% supón un claro exemplo de discriminación, pois aínda que as mulleres representan o 42,2% das listas electorais, quedan apartadas dos principais postos de saída

O Observatorio da Mariña pola Igualdade denuncia un novo caso de discriminación de xénero entre as mulleres da comarca, ao detectar que das 56 persoas que optan á alcaldía nos 17 concellos mariñaos, tan só 10 son mulleres. Deste xeito, as persoas que compiten por converterse en alcaldesas supoñen un 17,8% do total, facendo que se reduzan as posibilidades de saíren electas.

Paridade nas listas, discriminación nos postos de saída

Desde o Observatorio valórase positivamente a entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, que modificou a lexislación electoral (art 44 bis da LOREX) que regula a existencia de paridade nas candidaturas que concorren aos comicios electorais, de maneira que a presenza de mulleres e homes debe gardar unha proporción que non sexa inferior ao 40% nin superior ao 60% (agás en concellos con poboación inferior ou igual a 3000 habitantes). Esta lexislación favoreceu que, en termos xerais, a presenza de mulleres nas candidaturas dos partidos políticos aumentase considerabelmente nos últimos anos, e así, do total de 609 persoas que aspiran á ser votadas/os pola cidadanía o vindeiro 22 de marzo, hai un total de 257 mulleres fronte aos 352 homes. É dicir, a presenza das mulleres nas listas representa o 42,2% do total.

No entanto, a presenza de mulleres nas listas diminúe a medida que se ascende nos postos das candidaturas (a posición que ocupan ás mulleres maioritariamente nalgunhas listas vén situarse a partir dun terceiro ou cuarto posto), de forma que as posibilidades de saíren electas como concelleiras redúcense de forma destacada. Se ollamos aos nomes que encabezan as candidaturas e que se presentan ás municipais para seren escollidas/os como alcaldesas e alcaldes das súas localidades, a proporción de candidatas queda nun insignificante 17,8%.

Alén disto, existe tamén algunha candidatura composta unica e exclusivamente por homes, como é o caso das candidaturas socialistas de Riotorto (9 homes) e de Muras (7 homes). Aínda que por tratarse de concellos de menos de 3000 habitantes non se esixe que a representación de mulleres e homes sexa equitativa, a absoluta marxinación das mulleres neste caso demostra como a incorporación á política e á vida pública das mulleres no rural está aínda moi lonxe.

Todo isto repercute en que á hora de organizar actos de campaña electoral e dirixirse ao público, sexan constantemente os homes quen protagonizan a maior parte dos mítines, co agravante de que con frecuencia se lles reserve ás mulleres o papel de meras ‘presentadoras’ do acto.

Do 7,14% de BNG e PSOE, ao 1,7% do PP

Por partidos políticos, as mulleres que optan ao posto de alcaldesa representa un 7,14% nas candidaturas do BNG (Burela, A Pontenova, Trabada e o Vicedo) e do PSOE (Alfoz, Cervo, Lourenzá e Trabada). O Partido Popular queda moi lonxe desta cifra, cun só concello no que unha muller se presenta como número 1 da formación (Mondoñedo), o que representa o 1,7% . Cómpre tamén sinalar que no concello do Valadouro tamén hai unha muller que aspira á alcaldía baixo as siglas do partido independente Unión Democrática Independente do Valadouro.

Á vista destes datos, que acreditan que a representación feminina na política municipal na nosa comarca non supera a condición de anecdótica, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade preguntámonos se a incorporación das mulleres non responderá a un simple criterio electoralista ou a unha sinxela manobra coa que cumprir a lei electoral. Desde a asociación feminista mariñá defendemos a lei de paridade, por canto aspira a corrixir un desequilibrio endémico entre as mulleres e homes que exercen postos de poder. Con todo, esiximos que o cumprimento desta lei sexa reflexo dunha verdadeira vontade e compromiso político por facer visíbeis ás mulleres, por camiñar cara ao seu empoderamento e protagonismo na esfera pública e na toma de decisións, e por integrar á metade da humanidade en postos decisivos no ámbito municipal.

Exit mobile version