Nota de prensa
O BNG lamenta a “apropiación indebida” de Xove na que está incurrindo o PP
“Ao goberno local só lle falta tirar abaixo a Casa do Concello e volvela a facer”, advertiron desde o BNG.
Marco López denunciou que o executivo municipal do PP apropiouse das obras do Plan E, usurparon o traballo realizado por anteriores gobernos municipais, ocultaron a boa xestión dos concelleiros do Bloque na reelectrificación de Penas Agudas, apoderáronse da iniciativa dos veciños de solicitar máis horas de pediatría para Xove, ou da petición cidadá mediante recollida de sinaturas para a construción de dúas pistas de pádel para o noso concello e incluso intentaron presentar como propias as subvencións concedidas polas administracións do BNG ás asociacións, clubes deportivos e servizos sociais de Xove. “¿É que todo é deles?”, preguntáronse desde o Bloque.
O candidato do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía recoñeceu que o PP xovense sempre utiliza o eufemismo “outras administracións” cando se trata de falar dos investimentos das áreas nacionalistas da Deputación con tal de non mencionar a Antonio Veiga ou a María Xosé Vega. Este tipo de actitudes defíneas Marco López como “cativeiradas” porque non entende a pouca disposición dos concelleiros populares a recoñecer o traballo ben feito, sexa do Bloque Nacionalista Galego ou dos propios colectivos e asociacións do concello.