Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de MATI defende a profesionalidade da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística

Nota de prensa

Os expedientes de reposición da legalidade aumentaron un 54% en 2010 ao pasar dos 118 en 2009 aos 182 durante o ano pasado
Hernández subliña a profesionalidade da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística, que en 2010 incrementou a súa labor e mellorou os resultados de inspección e sanción

Durante o ano pasado as consultas da cidadanía atendidas pola APLU incrementáronse nun 82% pasando das pouco máis de 4.000 en 2009 ata as 7.400 de 2010

O conselleiro destacou no Parlamento que por primeira vez realizáronse procedementos de adxudicación públicos para levar a cabo as demolicións, o que supuxo unha redución importante de custo para as arcas públicas

A Axencia segue a incrementar o número de concellos que lle teñen delegadas funcións de control, de inspección e de sanción do seu termo municipal. Na actualidade son xa 53 os concellos galegos adheridos
Santiago, 4 de maio de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, defendeu hoxe no Parlamento que “a profesionalidade e a obxectividade da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística (APLU) na actualidade está fóra de toda dúbida, como tamén o está a súa constante evolución e mellora desde a súa creación en 2008”.

Durante a súa intervención, Hernández fixo un balance da creación hai case unha década deste ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica e patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións. Desde entón, pasaron gobernos de distinto signo político que a apoiaron e a impulsaron. O conselleiro afirmou que a Axencia está a fortalecer o seu papel como órgano dotado de independencia que se abriu á participación real e efectiva dos concellos, “dándolle entrada aos representantes da administración local nos órganos de decisión en outubro de 2009, un ano e medio despois da constitución do Consello Executivo”.

Durante o ano 2010 a APLU resolveu un total de 182 expedientes de reposición da legalidade, o que supuxo un incremento do 54% respecto aos 118 de 2009. Ademais, segundo informou o conselleiro, o número de multas tamén aumentou, pasando de 253 a 299 (18%), ao igual que o importe das multas coercitivas, 1,2 millóns de euros en 2009 fronte aos 1,4 millóns de 2010 (+10%). Nas inspección no litoral houbo un aumento tamén notable, multiplicando por seis o número de expedientes sancionadores incoados e resoltos, mentres as multas coercitivas incrementáronse nun 145%, pasando dos 261.000 euros de 2009 aos 640.000 euros en 2010. Por último, as consultas da cidadanía atendidas incrementáronse nun 82% pasando das pouco máis de 4.000 atendidas en 2009 ata as 7.400 do ano 2010.

O conselleiro destacou tamén, en relación á boa marcha da Axencia que, por primeira vez, realizáronse procedementos de adxudicación públicos para levar a cabo as demolicións, o que supuxo unha redución importante de custo para as arcas públicas.

A Axencia segue a incrementar o número de concellos que lle teñen delegadas funcións de control, de inspección e de sanción do seu termo municipal. Na actualidade son xa 53 os concellos galegos adheridos, que representan conxuntamente unha superficie de máis de 4.000 km2 e unha poboación próxima aos 220.000 habitantes.

Plan de Inspección
Agustín Hernández informou que por acordo de data de 1 de decembro de 2010 aprobouse o Plan de inspección do ano 2011, que está publicado no Diario Oficial de Galicia do pasado 20 de decembro de 2010, sendo, polo tanto, de coñecemento público. O plan fixa como actuacións prioritarias aquelas necesarias para evitar o ilícito urbanístico e restaurar a legalidade vulnerada, tanto pola comisión de ilícito urbanístico, como por infracción da lei de costas.

O plan fixa, como prioridade, as operacións necesarias para detectar obras en curso de execución (en calquera clase de solo) sen a preceptiva licenza urbanística municipal, ou sen a preceptiva autorización autonómica (tanto a esixida pola LOUG como pola lei de costas). No plan establécese que a incoación e instrución correspóndelle aos inspectores, mentres que a resolución é competencia da dirección da Axencia. Nestes procedementos de restauración da legalidade, e, para este ano 2011 determínase o carácter prioritario de:

1. As obras que se atopen en curso de execución
2. As obras rematadas cando o prazo de caducidade do exercicio da acción de reposición estea próximo a rematar

Esta prioridade introdúcese como novidade tendo en conta que, agora, logo da reforma operada pola lei 2/2010, establécese un prazo de caducidade de seis anos para o exercicio da acción de reposición da legalidade das actuacións realizadas en solo rústico.

Agustión Hernández asegurou que está fóra de toda dúbida que desde a Axencia, coa plena autonomía que lle é propia, realizaranse todas as actuacións necesarias para cumprir o fin último perseguido, que é velar pola utilización racional do solo conforme ao disposto na normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Exit mobile version