Nota de prensa
Marco López detallou en Portocelo, A Rigueira e O Cruceiro a súa política en materia de emprego
Varios compoñentes da candidatura do BNG ás videiras eleccións do día 22 de maio percorreron diferentes lugares do concello de Xove (entre eles A Rigueira, a parroquia onde naceu e se criou Marco López) para expoñerlle de primeira man aos seus veciños as propostas de goberno do Bloque xovense en relación á creación de emprego.
O candidato á alcaldía comprometeuse a concibir un Semilleiro de Empresas Profesional ligado ao Polígono Industrial de Camba coa finalidade de que atraia investimento e sexa referente en toda a bisbarra.
Desde o BNG tamén declararon a súa intención de incentivar a creación de prazas hoteleiras no concello, de tramitar a ampliación do Polígono Industrial, de esixir a apertura do dique norte de Alcoa e a creación do Cinto Industrial, de cambiar o sistema municipal de axudas á contratación para potenciar os contratos indefinidos e de promocionar todas as empresas de transformación (que pechen o ciclo) nos sectores estratéxicos: gandeiro, pesqueiro e forestal.
Os nacionalistas fixeron fincapé, ademais, na necesidade de promover un cámping e unha área de autocaravanas que dean servizo a toda a Mariña occidental. Esta proposta non sería deficitaria, explicaron, xa que os postos de traballo creados estarían financiados a través da xestión económica do propio cámping.