Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz fará un plan especial para o barrio de Marzán

Nota de prensa:
O BNG FARÁ UN PLAN ESPECIAL PARA O BARRIO DE MARZÁN

“Marzán é un reflexo da historia común que non podemos perder” afirma Basanta

Foz, a 14 de maio de 2011.- O candidato á alcaldía de Foz, Xan Carlos González Basanta, asegurou onte que o BNG desde o goberno municipal elaborará un Plan Especial de protección, rehabilitación e mellora para o barrio de Marzán, co obxectivo de preservar as súas singularidades como barrio tradicional cara á súa revitalización.

A presión urbanística destes anos deixou ao núcleo máis tradicional de Marzán como unha illa no medio de grandes urbanizacións que agora é preciso conservar. Para iso, o BNG ten pensado de forma urxente aprobar un Plan Especial que terá por finalidade a protección, rehabilitación e mellora dos elementos máis característicos da arquitectura rural, das formas de edificación tradicionais e dos conxuntos significativos configurados por elas que converten ao barrio de Marzán como barrio singular.

Isto levaría consigo nunha primeira fase o amaño e limpeza das vías públicas, resolver o problema do saneamento, eliminación de cableado aéreo, instalación de alumeado público que harmonice co entorno e con iluminación de baixo consumo, eliminación de ruínas, axudas á rehabilitación de fachadas e dos elementos da arquitectura tradicional como pozos ou hórreos e unhas normas mínimas de edificación.

Segundo a opinión de Basanta, “Marzán é algo que debemos mimar porque nun futuro chegará a ser un atractivo máis do Foz que todos queremos e non un vestixio do abandono e dun pasado perdido”. Este proxecto é un escano máis do Foz diferente que o BNG quere levar adiante, un Foz e que saiba compaxinar o máis auténtico e tradicional co moderno e co progreso porque a conservación e posta en valor de Marzán traerá consigo un atractivo maior para a súa visita e incluso para traer máis actividade comercial ou turística.

Exit mobile version