Nota de prensa:
O BNG ACUSA AO PP DE DEIXAR CAER AS INSTALACIÓNS DO CLUB DEPORTIVO RIO COVO
Estúa denuncia que dende que o concello asumiu a xestión das instalacións do Club Deportivo Río Covo van camiño de quedar nun estado ruinoso.
Acusan ao PP de traizoar a confianza dos veciños da urbanización que cederon no ano 2003 este espazo a cambio de melloras e mantemento que non se producen
O BNG promoverá grandes eventos deportivos para aproveitar as múltiples instalacións deportivas e atraer xente ao concello
Cervo, 9 de maio de 2011. O BNG acusou ao PP de deixar caer as instalacións do Club Deportivo Río Covo despois de comprometerse cos veciños no ano 2003 a realizar investimentos para a súa mellora e mantemento que ate ese momento realizaba a comunidade de veciños desta urbanización. Os nacionalistas lembraron que estas instalacións, únicas na Mariña, contan con pistas de Squash, dúas piscinas, sauna, salón de actos e instalacións complementarias, cancha de tenis e zonas de ocio interiores e exteriores ao ar libre que se atopan nun estado lamentábel, dende que o concello asumiu a súa xestión. O paso do tempo e a falta de mantemento e investimentos, así como a ausencia de control algún no seu uso por parte do goberno local deixou este equipamento dotacional ao borde da ruína. Os nacionalistas promoveran coa colaboración de entidades deportivas grandes eventos deportivos que atraian xente ao municipio aproveitando os múltiples equipamentos existentes.
Os nacionalistas apostan polo aproveitamento das múltiples instalacións deportivas coas que conta o concello ofrecéndose a organizar grandes eventos deportivos que atraian xente ao municipio.
O candidato nacionalista á alcaldía, Xoán Antón Estúa, afirmou que “o BNG non vai desaproveitar os recursos e equipamentos deportivos que ten o concello para atraer xente ao noso municipio” neste sentido “comprometeu a organización de grandes eventos deportivos en colaboración coas entidades deportivas municipais, e para iso haberá que dar pasos para que os recursos dos que dispoñemos estean nas mellores condicións posíbeis, entre elas as instalacións de Río Covo”. Estúa recalcou “que si atraemos xente, xeramos consumo do que se beneficiará o conxunto do concello”. O nacionalista insistiu na falta de aproveitamento de equipamentos e recursos cos que conta Cervo para afirmar que “en Cervo como en Barreiros co PP sobra cemento e falta talento”, criticando a ausencia de ideas e iniciativa dun PP “empeñado en xerar continentes pero sen crear contido.
Río Covo é exemplo mais de como desaproveitar os múltiples equipamentos dotacionais que ten o concello aos non se lle saca ningún beneficio.
“Enchufes rotos, a instalación eléctrica ao descuberto, portas rotas, as canchas de tenis desfeitas, o ximnasio inservíbel, son so algúns exemplos do estado de deterioro no que se atopan as instalacións deportivas de Río Covo dende que o goberno municipal despois dun compromiso electoral do PP asumira a xestión destas instalacións. “Nin os tempos nos que a bonanza económica permitía realizar investimentos nestas instalacións serviron para que o PP asumira os seus compromisos para revitalizar e dar uso a este excepcional equipamento dotacional”, afirmou o candidato nacionalista á alcaldía, Xoán Estúa. O nacionalista puxo este caso como un exemplo mais da ausencia de ideas do PP para saber sacar beneficios dos múltiples equipamentos cos que conta o concello de Cervo.