Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela reuniuse con colectivos e asociacións do concello

Nota de prensa:
Dende o BNG de Burela mantivemos nos últimos días unha serie de contactos cos distintos colectivos e asociacións do noso concello para facer un balance dos catro anos de goberno municipal e compartir proxectos de futuro.

Iniciamos a rolda de contactos coas asociacións e clubs deportivos e o balance que fixeron eles e facemos nós demostra a boa sintonía e o traballo común que se vén desenvolvendo nestes anos de goberno.

Posteriormente xuntámonos coas asociacións culturais, de veciños e sociais para analizar as nosas e as súas propostas de futuro.

Con respecto ao mundo da cultura, salientar a nosa proposta (refrendada polas asociacións) de reformar a antiga praza de abastos para dotarnos dun espazo socio-cultural onde desenvolver moitas das iniciativas tanto municipais como das asociacións. Así mesmo fíxose fincapé na necesidade de máis encontros inter-asociativos para intercambio de experiencias e levar a cabo actividades comúns. Tamén nos comprometimos con estas asociacións para potenciar as actividades da mocidade, involucrar a este colectivo no mundo da radio e seguir apostando pola nosa Escola de Música, Banda e grupos locais de música.

Con respecto ás asociacións de veciños e ás representativas de colectivos sociais, confirmamos o noso compromiso de preservar a singularidade dos nosos barrios tradicionais e de impulsar un plan estratéxico de desenvolvemento turístico e medioambiental da área recreativa do Monte Castelo. E no plano máis social, é urxente e prioritario poñer en marcha o Centro de Día (xa construído e dotado) para persoas con discapacidade psíquica, xestionar a construción dunha nova escola infantil para Burela e desenvolver un plan de intermediación municipal no eido da inmigración.

Exit mobile version