Nota de prensa
O BNG APOSTA POLO TURISMO COMO AXENTE DE CREACIÓN DE EMPREGO E RIQUEZA PARA BURELA
Dende o goberno municipal, o BNG apostou polo turismo como sector importante na xeración de riqueza e emprego no noso concello e, para iso, estivemos presentes nos principais foros turísticos promocionando as nosas potencialidades e, de aí, o aumento nun 20% do turismo en Burela.
Promovemos unha Feira de antigüidades xa consolidada como referente na Mariña, promocionamos turisticamente o noso concello a través da rede de Cidades Dixitais, impulsamos a catalogación dentro da rede museística do noso Barco Museo Boniteiro, editamos un DVD divulgativo da Feira do Bonito, melloramos o noso material promocional e de recursos de imaxes e situamos a Burela na rede a través do Museo Virtual.
E para os vindeiros anos propoñémonos continuar apostando por un turismo de calidade que poña en valor as nosas grandes potencialidades e recursos desde unha óptica integradora e transversal (paisaxe, medio ambiente e identidade cultural).
Elaboraremos un Plan estratéxico de desenvolvemento turístico para promover a desestacionalización, apostando polo turismo de congresos e eventos e polos paquetes turísticos para fidelizar os visitantes. Melloraremos os servizos das nosas praias para continuar atraendo visitantes no verán. Crearemos unha nova área de autocaravanas (un turismo en auxe no noso concello), sinalizaremos os roteiros de sendeirismo e instalaremos un novo punto de información turística. E como complemento á nosa cultura mariñeira promoveremos a creación dun Acuario-Museo do Mar.
Porque se hai vida turística en Burela durante todo o ano tamén haberá vida económica e social durante todo o ano.