Nota de prensa
Musica, maxia, cine, torresmos e chourizos en defensa da nosa cultura.
O BNG celebra o 17 de Maio no Campo da Cabana a primeira “Festa das Letras”
O Bloque Nacionalista Galego vai celebrar o vindeiro 17 de Maio a partir das 18:00 no Polideportivo do Campo da Cabana un acto de reivindicación dos nosos sinais centrais de identidade como son a nosa lingua e a nosa cultura, cuxo nome é a “Festa das Letras” e que coa humildade desta primeira edición pretende converterse nunha referencia da actividade cultural no noso Concello.
O programa deste acto comezara cun espectáculo de maxia para os máis cativos, a cargo dos magos de Burela “Pi e Senin” que poñerán en cea, trucos do seu repertorio habitual con novos trucos preparados para ocasión. Asemade contarase coa actuación de diferentes grupos musicais, de xeito moi concreto, “Tumba e Dalle”, “Grupo de Percusión da Pomba do Arco” e “Músicos da Subela” que interpretaran diferentes temas e que farán do campo da Cabana un espacio para a foliada e a festa. Tamén se procederá a proxección de dúas películas galegas tan vinculadas a Foz como son “Riquezas Lucenses” que recolle os traballos da pesca e da conserva en Foz en 1946, centrados na empresa “Dalo” e “ O Cadaleito”, curta gravada en Nois e Fontao en 1976, por un veciño noso como Henrique Baixeras. A par da programación cultural prevista para esta xornada festiva pero tamén de reivindicación, o acto terá un compoñente gastronómico posto que a partir das 19:30 vaise celebrar un Chourizada e Torrezmada popular, o feito de escoller dous productos da terra, pretende valorizar tamén ese aspecto rural de Foz, na medida que na festa da Patria que celebramos en Xullo o producto é o chicharro lañado, tan ligado neste caso ao mar. En definitiva Foz, é iso terra e mar, en perfecta simbiose, como ten escrito Cunqueiro.
Xoán Carlos G. Basanta destacou que “o propio programa de actos, as actividades que se desenvolven e mesmo o feito da vinculación co Concello tanto dos filmes, como dos cineastas e músicos, indican a vitalidade cultural do movemento asociativo de base en Foz pero tamén dos seus criadores, tanta na orde da escrita, como no das artes plásticas ou mesmo do mundo da imaxe. É momento que desde a institución municipal se aposte polo que está a facer o movemento asociativo e non que o Concello opere como un mero programador que limita e nalgúns casos contraprograma as propias actividades que nacen do seo da sociedade. Pero queremos aproveitar, igualmente esta data, para que sexa un pequeno espello do moito que se está a facer no mundo da cultura así como poñer en valor un elemento que é noso pero que ao mesmo tempo nos fai universais como é o idioma propio, un idioma que non ten máis dereito que ningún outro, pero que aínda a día de hoxe é víctima de persecución e segue apartado do espacio público”.
O candidato do BNG a Alcaldía de Foz indicou que “non é casual a elección do espacio para este acto, no corazón do Foz mariñeiro, un espacio que segue a conservar parte da identidade de Foz que as políticas urbanísticas dos últimos anos están a eliminar, e que nos temos claro que compre preservar. Pero tamén un espacio que recolle unha das páxinas máis substantivas da nosa historia e mesmo que mellor nos define, como pobo mariñeiro, traballador e embornado ao mar. Compre poñer en valor o noso pasado, preservar o que fomos, restaurar a nosa dignidade, para querernos e recuperar a autoestima”. Xa por último Basanta convidou a todos os veciños de Foz a participar deste xornada cultural e gastronómica, para honrar a nosa cultura como columna vertebral, do que somos pero tamén do que queremos ser, pero tamén para exercer o noso orgullo e autoestima.